" />

O PP di que o enorme volume de reclamacións patrimoniais son “a proba do abandono do mantemento da cidade”

As reclamacións por responsabilidade patrimonial realizadas por lucenses diante o Concello de Lugo seguen a ser un tema recorrente e no ano 2021 o goberno local resolveu 41 reclamacións de lucenses, a maioría delas desestimadas ou desistidas polos propios interesados.

Unha situación que non se escapou á concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mar Carballas, que sinala que “vendo o estado de abandono de Lugo é, como mínimo curioso, que non se estimou nin unha soa reclamación realizada por caídas na cidade”. As reclamacións presentadas polos lucenses son de todo tipo, por caídas na rúa, danos en vehículos ocasionados por fochancas, caídas de árbores ou inundacións. Neste sentido, apunta Mar Carballas, que nin unha das reclamacións presentadas por caídas na rúa estimouse, alegando o goberno local que o feito de que unha baldosa, tapa de rexistro ou outro elemento “sobresaia uns centímetros do nivel da beirarrúa supón un desnivel de moi escasa entidade, polo que non se trata dun defecto oculto que entrañase un risco imprevisible e inevitable para a deambulación”.

Unha postura que contrasta totalmente polos danos ocasionados en vehículos derivados de introducir unha roda dun vehículo nunha fochanca si se teña en consideración, tendo en conta que unha fochanca é un elemento de maiores dimensións, que si se pode ver e, nalgúns casos, evitar.

“Con isto non queremos dicir que non se teñan que pagar os danos derivados de fochancas, o que dicimos é que moitas veces, o resalto dunha baldosa ou tapa de rexistro mal colocadas é algo que non se ve e non se percibe, polo que non se pode evitar e, neses casos, as caídas son moi perigosas e provocan danos físicos e secuelas que a administración ten que asumir, en lugar de derivar a responsabilidade ao afectado”, apuntou.

Outro dos aspectos que chama a atención á concelleira popular é o feito de que na situación na que se atopa a administración local, moitos dos interesados desisten das súas reclamacións xa que non poden achegar a documentación requirida polo goberno local no prazo que lles marcan. “É imposible que unha persoa poida achegar nova documentación ou emendar erros no prazo de 10 días, cando o propio Concello de Lugo dálles cita para rexistro nun prazo maior”, indicou.

Tras realizar un repaso a todas as reclamacións resoltas en 2021 (tanto as estimadas, como desestimadas, non admitidas ou desistidas), Mar Carballas saca unha conclusión moi clara: “é necesario mellorar o mantemento xeral da cidade, xa que case todas as reclamacións débense a problemas de mantemento”.

Entre as reclamacións estimadas, sobresaen as realizadas por dous afectados polas caídas dos tilos de Ramón Ferreiro, en novembro de 2019, danos que ascenderon a 8.022,88€ en total ou danos en vehículos derivados das numerosas fochancas que hai nas rúas da cidade.

O resto de reclamacións estimadas débense a inundacións provocadas por roturas nas canalizacións municipais de auga, o que certifica as denuncias realizadas en numerosas ocasións polos concelleiros populares, que en Lugo urxe unha renovación da rede de auga para mellorar o servizo e evitar este tipo de situacións, xa que a maior parte das roturas débense á antigüidade das tubaxes.

Por último, apunta Mar Carballas que o custo para as arcas municipais das reclamacións estimadas foi de 38.410,78€, un custo que podería ser maior en caso de estimar o goberno local as caídas na vía pública provocadas polo nulo mantemento realizado na cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo