O PP esixe a PSOE e BNG abrir “de inmediato e sen escusas” a residencia de Becerreá tras facerse firme a sentenza do TSXG

O deputado provincial do PP Antonio Ameijide instou ao goberno da Deputación de Lugo, formado por PSOE e BNG, a “asumir a legalidade” e cumprir o convenio asinado co Concello de Becerreá, despois de que a xustiza ratificase de forma definitiva a sentenza que condena á institución provincial á apertura do centro de atención a maiores.

Os populares reclaman a apertura inmediata da residencia nas mesmas condicións que o resto dos centros da rede provincial e tamén a devolución aos veciños dos fondos achegados para o equipamento das instalacións, uns recursos que, segundo denuncian, “PSOE e BNG secuestraron a todos os veciños”.

O Grupo Popular lembra que xa defendeu no pleno provincial de abril unha moción para instar á Deputación a cumprir de maneira inmediata a sentenza. Segundo sinalan, a iniciativa foi rexeitada polos grupos de goberno, aos que acusan de “ningunear” a resolución xudicial ao asegurar que “para dicir o que di a sentenza botaron un ano”.

Ameijide considera que, coa firmeza da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), “xa non valen escusas, nin recursos, nin dicir que están a traballar na apertura e en realidade non facer nada”. Neste sentido, sostén que “a xustiza volveulle dicir a PSOE e BNG que están a incumprir as súas obrigas e o único camiño que teñen é abrir a residencia de inmediato”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com