" />

O PP esixe “planificación e coordinación” á alcaldesa para evitar que queden rúas sen arranxar na Calzada

“A carreira de obras na que Lara Méndez e Rubén Arroxo se apuntaron hai meses semella non ter freo e está chegando a un punto que pode rozar o sinsentido despois de ver como se están a realizar obras a toda présa sen ningún tipo de planificación e sen prestar atención ás necesidades que hai ao redor”, así fala o vicevoceiro do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide que tilda de “curioso” ver como as obras de arranxo do paso soterrado baixo a N-VI e a peonalización da Calzada “non presentan ningún nexo de unión o que provoca que rúas que hai no entorno de ambos traballos non recollan ningún tipo de actuación, a pesar de que o precisan”.

Explica Ameijide, que, por exemplo, unha parte da Calzada da Ponte, concretamente a que vai por detrás dun grupo de vivendas tralo hostal, non se vai a arranxar, a pesar de que está aberta á circulación de vehículos, está en terra e chea de fochancas. “Nin no proxecto de arranxo do paso soterrado nin na peonalización da Calzada da Ponte se contempla o arranxo deste treito, unha mostra de que dentro do goberno non queren arranxar a cidade, o que queren é gañar a carreira por ver quen fai máis obras”, lamentou.

Situación que tamén afecta á rúa do Cruzamento, unha vía perpendicular á Calzada da Ponte, pero que non contará con ningunha obra de mellora, a pesar de que outras rúas lindeiras si que contarán con traballos de arranxo, como é o caso das rúa do Troneiro ou unha pequena calella preto da ponte romana. “Non entendemos porque unhas rúas se arranxan e outras se deixan, cando todas se poderían incorporar sen problema en calquera dos dous proxectos”, sinalou.

Tamén é curioso que se deixe sen arranxar un treito duns 50 metros, diante do hostal San Lázaro, zona que soporta unha elevada densidade de circulación e que está chea de blandóns, parches e zonas nas que o adoquinado desapareceu. “Este treito é o mellor exemplo de facer obras por facer, sen pararse a mirar as necesidades do entorno e dar unha solución global”, criticou. De feito nese entorno hai blandóns de case medio metro de fondo,  probablemente orixinados por fugas de auga sen reparar por parte do concello.

Unha situación ante a que Ameijide lanza unha pregunta aá rexedora: “por que non se unifican os proxectos ou, polo menos, se realizan en conxunto para evitar este tipo de discriminacións?”.

Por outra parte, o vicevoceiro popular tamén pide unha solución para un pozo de augas fecais que verte residuos ao exterior con regularidade, algo que se pode ver cunha simple ollada xa que o entorno está cuberto de desfeitos procedentes destas augas fecais. “Non só é insalubre, senón que entraña un risco real de caída para as persoas” concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo