" />

O PP esixe que os ediles do PSOE paguen do seu peto as horas extraque o Concello non pode pagar

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo hoxe, de novo, o foco nas horas extraordinarias que o goberno socialista de Lugo ordenou realizar aos traballadores municipais e que, segundo confirmou o secretario municipal, non se poderán pagar ao exceder o número máximo de horas extraordinarias mensuais e anuais estipuladas no Regulamento Interno de Persoal.

Antonio Ameijide explica a situación cun exemplo moi clarificador. Calquer bombeiro ao que lle ordenaron realizar unha garda de 24 horas “non cobrará a garda íntegra”. Das 24 horas só poderá cobrar 15, o máximo mensual establecido, polo que “traballou 9 horas gratis para os socialistas, porque o goberno de Lara Méndez sabía perfectamente que non as pagarían”.

O voceiro popular confirmou que o pasado 11 de outubro se presentaron varias preguntas ao goberno local para coñecer con exactitude o número de horas extraordinarias realizadas polos traballadores municipais durante o ano 2017 e o que vai de 2018, informe que “nos consta” xa está realizado, pero que o PSOE segue negándose a facilitar.

Os datos que o goberno socialista aínda non facilitou non impiden que o Grupo Popular poida facer un primeiro balance, xa que, segundo puido avanzar Ameijide que durante o pasado ano 80 traballadores municipais excederon o límite máximo de horas establecido e, no primeiro semestre de 2018, xa son máis de 20.

Por tanto, e seguindo a versión dos populares, haberá máis de 100 traballadores aos que Lara Méndez e os seus concelleiros lles encargou realizar traballos fóra do seu horario habitual, obrigándolles a facer horas extraordinarias “que non lles vai a pagar”. Ante esta situación, Antonio Ameijide esixe aos socialistas que busquen a forma legal de pagar esas horas extraordinarias e, se non hai un modo legal, “que os concelleiros que as encargaron as paguen do seu peto”.

Unha situación que o voceiro popular non carga unicamente sobre as costas de goberno local, xa que “tamén ten a súa parte de responsabilidade” o director xeral de Recursos Humanos xa que a súa función é organizar ao persoal do Concello “e non fixo nada por solucionar a situación”. Por iso, segundo os populares, o director xeral de Recursos Humanos do Concello tamén tería que descontar dos seus 56.000€ anuais as horas que os traballadores municipais fixeron por enriba do límite.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo