O PP insta á Deputación a aclarar se vai manter algún servizo de ocio no Miño, na capital

No ano 2003, a Deputación de Lugo, baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo, levou ao Miño o catamarán Pelegrín I, e estableceu un servizo de recorridos polo río. Estivo operativo durante anos e totalmente parado ao longo duns 24 meses. O catamarán, totalmente falto de mantemento, afundiuse no Miño o pasado mes de decembro. Unha vez rescatado, forma parte da paisaxe rural, varado nun prado propiedade do ente provincial. Así as cousas, son moitos os lucenses que se preguntan se a institución provincial renunciou definitivamente a manter un servizo de ocio como era o creado por Francisco Cacharro, xa sexa de modo similar ou con outras características. O Grupo Provincial do PP, por boca de Óscar Poy, formula esa mesma pregunta ao goberno presidido polo socialista José Tomé.

Poy considera preciso que os responsables da Deputación aclaren se teñen algún plan para dinamizar esa parte do río Miño, na capital lucense, precisamente no entorno da Escola Provincial de Piragüismo. “Dá a impresión de que este servizo, que levaba un par de anos sen funcionar, está condenado á desaparición, polo menos tendo como eixo central un catamarán”, explican dende o PP.

Pero, analizan, outros modelos son posibles e probablemente facilmente asumibles polas arcas provinciais; de non dar paso algún neste sentido, “quedará claramente de manifesto que o goberno bipartito anda escaso de ideas e máis escaso aínda de ganas de traballar”, asegura Poy. O mesmo deputado considera que o organismo provincial debería establecer, para manter un servizo de ocio similar ou diferente ao desaparecido, conversas co Concello de Lugo, gobernado polas mesmas forzas políticas que dirixen a Deputación. “Moito levan falado os socialistas de que Lugo viviu de costas ao río, pero, polo menos no pazo de San Marcos, non se ven hoxe pasos decididos para cambiar ese estado de cousas”, explica.

Nunha cidade, di Poy, á que “os socialistas teñen condenada a non ter unha zona de baño pública”, o que se chama comunmente unha praia fluvial pública, ao popular resúltalle aínda “máis desagradablemente chamativo” que se deixe perder un servizo, o de catamarán, que supoñía unha oferta de ocio atractiva tanto para os lucenses como para os visitantes. Poy faise eco das preguntas que se fan os cidadáns e espera que o goberno provincial faga pública unha resposta, que inclúa os seus plans para colaborar no traballo de conseguir iso que tanto levan pedido os socialistas de que Lugo deixe de vivir de costas ao río.

Novas relacionadas

  1. Maria Jesus Castro Rodriguez
    Feb 04, 2020 - 09:21 AM

    os servicios de ocio,instalacions ou clubes nauticos q se fixeron na provincia de Lugo na epoca de cacharro pardo e q alguns dos q fixeron son ilegais,sen permisos sen as condicions minimas de servicios…eso e o q herdamos daquela epoca

    Reply
  2. Carlos Fernandez Peleteiro
    Feb 03, 2020 - 09:31 PM

    Visto o visto, moito me extraña que fagan nada de nada.. Unha vergoña

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com