O PP levará a pleno a instalación de videovixilancia no entorno dos monumentos

O Partido Popular propón a instalación de cámaras de videovixilancia no entorno de monumentos de Lugo para evitar atentados contra o patrimonio como o ocorrido o pasado venres na fonte de San Vicente na Praza do Campo.

O voceiro popular reclama á alcaldesa que presente un expediente riguroso diante da Comisión de Garantías da Videovixilancia en Galicia xa que “hai antecedentes, suficientemente graves, que xustifican a necesidade deste sistema neste punto” aludindo “ao atentado que sufriu a estatua en decembro de 2016 que a deixou descabezada; ou o suposto atropelo dunha persoa neste punto en xaneiro de 2015”.

Ademais do debate da conveniencia ou non das cámaras no entorno dos monumentos de Lugo, o popular pregunta á alcaldesa se xa iniciou a investigación e identificou aos individuos que se encaramaron á fonte de San Vicente e que están documentados cun vídeo no que se ve aos vándalos subidos á peza escultórica. Os populares tamén esixen que se aplique a lei con todas as súas consecuencias sobre os vándalos, e reclaman que se supervise se houbo desperfectos na fonte tras este suceso.

O Partido Popular lembra que a fonte de San Vicente é un elemento arquitectónico que “constitúe un dos principais reclamos turísticos da cidade”. Antonio Ameijide indicou que Lugo presume deste conxunto artístico-histórico nas diferentes publicacións e guías que se editan dende diferentes institucións matizando que “é un elemento que o goberno local debe protexer polo incalculable valor que ten, non só arquitectónico senón tamén sentimental, xa que está situado nunha das prazas máis emblemáticas do casco histórico”.

Dentro da iniciativa que se presentará a pleno o popular tamén suxire “que se estude a implantación da videovixilancia noutras localizacións estratéxicas e en edificios públicos para garantir a seguridade dos cidadáns e do patrimonio tal e como se fai noutras capitais europeas”.

Axentes a pé de rúa

Nestes senso tamén opinou esta mañá Lugonovo que plantexou crear un protocolo de actuación para a Policía Local no que, dentro do mesmo, se inclúa a vixilancia e custodia do patrimonio municipal, como unha tarefa específica á que é preciso dedicar esforzos e efectivos concretos. Esa é a proposta que fai a agrupación de Cristina Pérez ante a evidencia de que “resulta necesario e urxente” incrementar os coidados e a protección aos elementos artísticos e históricos da cidade.

“O acontecido este fin de semana na Fonte de San Vicente así o demostra. Este non é o primeiro ataque que sofre o monumento e, posiblemente, tampouco será o último”, lamenta Cristina Pérez Herráiz ao tempo que apela á responsabilidade das administracións para que desenvolvan un papel moito máis activo e interveñan, dentro das súas posibilidades, na concienciación cidadá.

“A principal ferramenta de prevención do vandalismo debera ser a sensibilización da poboación. Sen embargo, parello a estes mecanismos, cómpre artellar outros capaces de persuadir punitivamente deste tipo de condutas violentas e vexatorias como á que vimos de asistir”, di a voceira da formación, quen aclara que “o que convén é ter máis axentes a pé de rúa, facendo un labor de disuasión efectivo”.

Lugonovo amósase, sen embargo, contraria a outras iniciativas encamiñadas a implantar sistemas de videovixilancia na vía pública por considerar que resultan moito máis complexas, debido á tramitación que conlevan e aos permisos cos que debe contar a súa instalación, ademais de tratarse dunha medida que pode colidir co dereito á privacidade e intimidade das persoas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com