O PP pide a Lara Méndez que solicite reforzar a Policía Local con auxiliares

O viceportavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Enrique Rozas, insta a Lara Méndez a que solicite á Dirección Xeral de Interior a posibilidade de reforzar ao corpo de Policía Local con auxiliares de policía mentres non se cobren as vacantes que hai no corpo debido ás xubilacións anticipadas e ás prazas que non se cubriron nos últimos anos.

Enrique Rozas explica que, segundo a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia, esta posibilidade non sería real xa que, segundo o artigo 95, os auxiliares de Policía Local só poderán prestar servizo “nos concellos con aumento notorio de poboación en tempadas determinadas” polo que poderá incrementarse transitoriamente o seu persoal de persoal mediante a contratación de persoal con funcións de auxiliar de policía.

A pesar diso, hai un decreto da Consellería de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o decreto 115/2017 de para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local, que establece no seu artigo 19 que: “poderán solicitar a cobertura de prazas de persoal auxiliar de policía local polo sistema regulado neste artigo os concellos que no momento da solicitude teñan en vigor o correspondente convenio para a selección desta clase de persoal, cando, por circunstancias sobrevindas e de acordo coa normativa de aplicación, sexa necesaria a devandita cobertura”.

Por iso, Enrique Rozas “urxe” ao goberno de Lara Méndez a asinar o convenio coa Academia Galega de Seguridade Pública no menor prazo de tempo posible, xa que “é unha condición indispensable” para axilizar a cobertura das vacantes e, mentres non se produce este extremo, poder solicitar a provisión de auxiliares de Policía Local, acolléndose “ás causas sobrevindas”.

Para o viceportavoz popular a demora na firma deste convenio, unha medida que o Grupo Municipal do Partido Popular xa solicitou en xaneiro de 2018, é “inescusable” xa que foron os sucesivos gobernos socialistas e, en especial o de Lara Méndez, os que “decimaron ata o extremo” o número de efectivos no corpo, sen esquecer que a Policía Local en Lugo “carece da estrutura xerárquica” que debese para cumprir coa lei.

Neste sentido, Enrique Rozas lembra que o prazo para comunicar o número de prazas de Policía Local que cada concello necesita cubrir finalizou o pasado 31 de xaneiro polo que “non sabemos con certeza” se o feito de que o goberno de Lara Méndez non asinase aínda o convenio suporá que as prazas vacantes non se cubrirán ata o proceso selectivo que se celebrará no ano 2020.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com