O PP pide a dimisión dos responsables do PSOE na Deputación de Lugo

O Grupo Provincial do PP pide a dimisión dos responsables do PSOE na Deputación de Lugo, que “cos seus líos internos paralizan de novo a apertura das residencias”.

“O problema é gobernar en minoría pensando que estás con maioría absoluta. Que é o que pasa, só buscan a confrontación. Alguén debería presentar a dimisión nesta institución, non sei se o presidente, que os propios compañeiros lle acaban de dicir o outro día que non é digno para seguir como presidente de Suplusa, pero se non é el, polo menos alguén ten que asumir as responsabilidade desta desfeita. E novamente pedímoslle que rectifique porque a provincia necesita unha institución estable, sólida, solvente e que traballe só pensando na xente e non nas súas desavenencias e nos seus debates internos”, afirmou a voceira do PP, Elena Candia nunha comparecencia ante os medios.

Candia rexeitou que Campos defina a situación como unha emboscada, acusando ao Partido Popular. “Debémoslle recordar ao presidente, espuxo, que Darío non ten o problema no PP, que o problema realmente teno no seu Grupo e especialmente cos seus compañeiros do Grupo Socialista. Iso debe levalo a reflexionar cando fai esas declaracións, porque se analizamos o pouco ou moito que fixo ben no tempo que leva con responsabilidade na presidencia foi grazas ao apoio do PP”.

En canto á elección dun novo presidente de Suplusa, a voceira afirmou que o seu partido tomará posición “cando chegue o momento”, advertindo que o importante non é quen ocupe a silla, senón o proxecto a desenvolver e os beneficios que este represente para a provincia.

Neste mesmo eido, se manifestou o BNG, quen anunciou que a formación manterá a mesma postura que sempre tivo en relación á presidencia de SUPLUSA. O voceiro desta agrupación provincial, Xosé Ferreiro, dixo que “non se pensa nas veciñas e veciños de Lugo, PSOE e PP están trasladando as súas liortas partidarias á Deputación e a Suplusa e o BNG non vai entrar en ese xogo como nunca entrou”. “Cunha presidencia de SUPLUSA diferente á da Deputación e con 6 millóns de orzamento poderiamos facer todo tipo de contraprogramacións motivadas polas loitas partidarias” dixo Ferreiro e explicou “se a presidencia de SUPLUSA recae nunha persoa diferente á da Deputación teremos un monstruo con dúas cabezas atacándose continuamente por motivos partidarios e os efectos das mordeduras irán contra todos e todas as lucenses”.

Para o BNG “a presidencia de SUPLUSA ten que ser a mesma que a da Deputación e non debe ser do PSOE, do PP, nin do BNG”. O Grupo Provincial do BNG sempre defendeu que a presidencia de SUPLUSA e da Deputación deben recaer na mesma persoa, “neste momento que sexan dúas persoas diferentes do PSOE ou do PP e do PSOE pouco máis ten por que as tensións internas en ámbolos dous partidos son parecidas e unicamente se utilizarían estes postos de poder para atacarse mutuamente entre as diferentes faccións” dixo Ferreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com