O PP propón que o parque de enerxías alternativas do CEAO se recupere como zona aparcadoiro

O Grupo Municipal Popular presentou unha proposta para transformar a parcela do antigo parque de enerxías alternativas do Ceao nun aparcadoiro público para vehículos lixeiros con produción de enerxía renovable. A iniciativa, explicada pola concelleira Silvia Colmenero, contempla un investimento aproximado de 420.000 euros e permitiría xerar un fluxo neto superior aos 26.000 euros anuais para as arcas municipais mediante a venda de excedentes eléctricos e os ingresos derivados dos puntos de recarga.

Segundo detallou a edil popular, o proxecto habilitaría unha superficie superior aos 1.000 metros cadrados baixo cuberta e contaría con dobre acceso desde as rúas Agricultura e Industria, ademais dun acceso peonil desde a avenida Benigno Rivera. O deseño inclúe dous eixes viarios interiores: un bidireccional de seis metros de ancho para facilitar as manobras e outro unidireccional, co obxectivo de mellorar a circulación e a seguridade no recinto.

A proposta prevé a creación de 84 amplas prazas de aparcadoiro público, das cales catro estarían reservadas para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, incluiríanse tres puntos de recarga para vehículos eléctricos, reforzando a aposta polos novos modelos de mobilidade sostible.

Un dos aspectos destacados do proxecto é a súa integración ambiental. Aproximadamente o 50% da superficie destinaríase a zona verde, coa plantación de arborado e vexetación para harmonizar a zona industrial co contorno natural e minimizar o impacto visual da infraestrutura. Ademais, incorporaríase iluminación eficiente, en liña cos criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética que, segundo o PP, deben marcar as actuacións urbanísticas actuais.

No ámbito da produción enerxética, a instalación contaría con 366 paneis solares de alto rendemento. Esta infraestrutura permitiría xerar arredor de 235.000 quilovatios hora (kWh) anuais, unha cantidade de enerxía suficiente para realizar preto de 3.900 cargas completas de vehículos eléctricos ao ano.

Colmenero subliñou que a instalación fotovoltaica podería amortizarse nun prazo estimado de nove anos, mesmo sen contar con subvencións externas. O modelo proposto combina o aforro derivado do autoconsumo eléctrico coas ganancias pola venda de excedentes á rede e os ingresos procedentes dos puntos de recarga. Unha vez descontados os custos de mantemento, o Concello podería obter un fluxo de caixa neto anual superior aos 26.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com