O PP reclama un convenio para a intermodal similar aos asinado pola Xunta e Fomento noutras cidades

O Grupo Popular presenta unha iniciativa a pleno para demandar que o Ministerio de Fomento constrúa e financie a estación intermodal que o Ministro socialista Ábalos presentou en Lugo en marzo de 2019. Ramón Carballo aclara que “estamos falando dunha terminal ferroviaria reformada e dotada cun aparcadoiro subterráneo que cubra as súas necesidades”.

Os populares manifestan que “o aparcadoiro subterráneo é unha necesidade da terminal ferroviaria comprometida polo Ministerio de Fomento. De feito o propio estudo funcional elaborado por Adif recoñece que a futura estación necesita un aparcadoiro subterráneo de 300 prazas para atender as necesidades ferroviarias”.

O voceiro popular pretende, con esta iniciativa, que “ese compromiso debe quedar plasmado á maior brevidade nun convenio de colaboración asinado polas tres administracións promotoras (Xunta, Goberno central e Concello de Lugo) similar ao asinado nas cidades galegas que teñen as súas estacións intermodais en execución”.

O popular explicou que o modelo de colaboración establecido para as estacións intermodais galegas consiste en que a Xunta constrúe e financia a terminal de autobuses; o Ministerio de Fomento constrúe e financia a reforma ferroviaria; e o Concello asume a adecuación urbanística e os accesos se son necesarios, co apoio da Administración autonómica.

O popular lembrou que o proxecto da intermodal é froito dun traballo conxunto entre a Xunta e o Ministerio de Fomento. De feito, o anteproxecto elaborouse tomando como base os estudos previos elaborados pola Administración autonómica e foi obxecto de numerosas xuntanzas e intercambios de coordinación. Carballo lamentou “a falta de lealdade institucional cando, o Ministerio de Fomento presentou o proxecto da estación intermodal como unha inciativa exclusivamente súa nun acto no que pretendeu que a Xunta fose convidada de pedra”.

Ramón Carballo conclúe asegurando que “os lucenses non merecen anuncios electorais dun Executivo que está permanentemente en campaña” e reclama “feitos e avances nesta infraestructura”. “O mesmo ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que dixo que o AVE ía chegar a Lugo en 2021, foi tamén o que dixo, en marzo de 2019, que a estación intermodal de Lugo ía estar en obras en 2020. Pero a realidade é que ata setembro non se adxudicou a redacción do proxecto, que ten 15 meses de prazo, co cal, non estará rematado antes de decembro do vindeiro ano” concluiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com