O alcalde de Baralla, Miguel González, mantivo hoxe unha reunión coa deputada do Grupo Popular Encarna Amigo, quen lle trasladou o seu apoio para reclamar ao Goberno central que manteña a parada de autobús neste municipio lucense. “Estamos a falar de arredor de 850 usuarios deste concello que perderán o acceso a un servizo esencial como é o transporte público por estrada e que condena a Baralla ao illamento”, indicou.
Encarna Amigo rexeitou “a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de suprimir 87 paradas de autobús nunha vintena de concellos do rural galego, afectando a máis de 130.000 galegos e galegas que utilizan a diario este servizo”.
No seu encontro co alcalde de Baralla, a deputada popular lembrou que “o Partido Popular impulsou no Congreso unha iniciativa a través da que se insta ao Goberno central a retirar a proposta de novo mapa de transporte público por estrada e restituír as paradas eliminadas, proposta que non foi apoiada polos deputados socialistas”.