O Servizo de Educación do Concello de Lugo informou de que o prazo de inscrición para os servizos municipais de almorzo e comedor escolar de cara ao inicio do curso 2026-2027 permanecerá aberto entre o 10 e o 30 de agosto para os usuarios fixos que desexen facer uso destas prestacións desde o mes de setembro.
Segundo explicou o departamento municipal, as familias que queiran incorporarse ao servizo en meses posteriores deberán presentar a solicitude antes do día 22 do mes anterior ao inicio do seu uso. No caso das utilizacións esporádicas, a inscrición terá que realizarse antes das 20.00 horas do día lectivo previo á data na que se precise o servizo.
O servizo de comedor escolar préstase actualmente nos centros educativos de Albeiros, Anexa, As Mercedes, Illa Verde, Menéndez Pelayo, Luis Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón, ademais da Escola Infantil Fingoi 2. Pola súa banda, o servizo de madrugadores e madrugadoras está dispoñible tanto nestes centros como no resto dos colexios de Educación Infantil e Primaria da cidade.
As persoas interesadas en darse de alta como usuarias deberán rexistrarse a través da aplicación Colechef. Para resolver dúbidas ou realizar consultas, o servizo habilita o correo electrónico comedoreslugo@alimentacionsaludablegallega.net.
O Concello lembra que toda a información relativa ao procedemento de rexistro, contratación e funcionamento do servizo pode consultarse na súa páxina web, onde tamén están dispoñibles os documentos necesarios para tramitar a solicitude.
Fotografía: Aplicación ColeChef.com






