O PSdG de Vilalba denuncia o estado das estradas municipais

O Grupo Municipal Socialista denuncia o deterioro e consecuente perigosidade da Ponte de Meire, na parroquia de Belesar. Alertan da despreocupación do concello polos lugares nos que a circulación viaria entraña un risco para os veciños e veciñas. En cuestión de poucas semanas os socialistas veñen de sinalar o mal estado de dúas pontes situadas na parroquia de Belesar, a de Pazos, e nesta ocasión, a de Meire.

Segundo afirma o concelleiro Rodrigo Pavón, “estamos a observar a continua desidia do equipo de goberno Conno relativo á seguridade das vías municipais”, afirmando que “seguen a ter abandonadas as parroquias a pesares das reiteradas peticións que se fan para a súa atención e mellora”, defende o edil.

Os socialistas piden que se poña solución de inmediato a “este lugar xa de por si perigoso, pois sumado á estreitamento da ponte, que imposibilita o tránsito de dous vehículos que circulen en sentido contrario, existe un deterioro que agrava o seu estado”, subliñan. Ademais, “as fochancas e mesmo o derrube de parte dos beirís, así como a falta de partes da varanda de protección, fan deste lugar un perigo real para a circulación viaria, asunto que pasa inadvertido ante os ollos do goberno local”.

Finalmente, desde o grupo socialista advirten dunha “falta de sinalización” na ponte mencionada, polo que piden ao concello que “actúe con urxencia para non ter que lamentar calquera tipo de incidencia”, aclarando que “na estación invernal, o chan está moi esvaradío, ben polas choivas ou ben polas xeadas”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo