" />

O PSOE de Becerreá levará ao pleno unha proposta para rebaixar o IBI de urbana

A Agrupación Municipal Socialista de Becerreá levará ao próximo pleno da corporación unha proposta para modificar a ordenanza fiscal reguladora do IBI. En concreto, sería rebaixar o tipo impositivo de urbana do 0,55 actual ao 0,4, que é o mínimo que marca a lei; e incluír unha bonificación do 95% en xeral para as actividades das que son titulares os veciños de Becerreá e que xeran emprego no municipio, como as actividades agrícolas e gandeiras.

A voceira socialista en Becerreá, Ana Rubinos, explicou que “dende o PSOE presentamos esta iniciativa porque somos conscientes do grave impacto que o catastrazo supón para aos nosos veciños e veciñas. Con esta proposta queremos aliviar a carga fiscal na economía das familias de Becerreá e dos traballadores do noso Concello, mellorando, deste xeito, a súa calidade de vida”.

Ana Rubinos informou que Becerreá é o concello da contorna co maior tipo de gravame en IBI urbana pois este é do 0,55% fronte ao 0,4% de Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Baleira e Triacastela, ou o 0,5% de Cervantes, Baralla e As Nogais.

En canto ás bonificacións do 95%, remarcou que o sector agrario e gandeiro é vital para o desenvolvemento de Becerreá. “Tanto a gandería como a agricultura son elementos claves que contribúen a dinamizar a base da economía produtiva de toda a Comarca”.

Por último, a voceira socialista subliñou que “Dende o PSOE agardamos que todos os representantes da corporación apoien esta iniciativa que o único que busca é defender os intereses dos becerrenses, como vimos facendo nesta
nova etapa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo