O PSOE de Outeiro de Rei esixe ao Alcalde que aclare se a auga é potable ou non

O PSOE de Outeiro de Rei esixe ao Alcalde do PP que aclare se a auga é potable ou non tras as numerosas queixas veciñais denunciando a calidade da mesma. Así o reclamou a voceira socialista, Luisa Meilán, quen requiriu ao Concello que publique xa os resultados das análises que por lei ten que realizar o municipio para corroborar que a auga é apta para o consumo humano.

“Chegáronnos denuncias ao partido de veciños de Outeiro de Rei que levan máis de 2 anos mercando auga embotellada porque aseguran que a auga da billa non é potable. O rexedor ten que aclarar e informar se o Concello está tomando as medidas necesarias para garantir o consumo da auga e demostralo, pois non podemos xogar coa saúde dos nosos veciños. Dende o PSOE imos preguntar ao goberno do PP se realizou a limpeza dos depósitos de distribución que ten a obriga de facer unha vez ao ano”.

Luisa Meilán informou que existe unha directiva do Parlamento Europeo do ano 2013 que define a calidade da auga e se esta é potable ou non dependendo das sustancias coas que conte. A valoración e decisión de se a auga é de consumo humano e conta cos parámetros óptimos é do goberno da Xunta, en concreto, da Consellería de Sanidade, que é a institución coas competencias nesta materia.

A voceira do PSOE advertiu que “se existe algún tipo de problema coa calidade e abastecemento da auga potable orixinará a apertura de expedientes sancionadores, carrexando multas económicas para o Concello de Outeiro de Rei, como sucedeu noutros municipios”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com