" />

O PSOE pedirá á Xunta un plan que os concellos pequenos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes día 29 de marzo, unha moción para reclamar á Xunta un plan para que os concellos pequenos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil.

Concretamente a través desta proposta demandan ao Goberno Autonómico “asumir o custo de levar a acometida eléctrica ás torres de telefonía móbil nos concellos do rural ou ben desenvolver un plan de axudas específicas para evitar o sobrecusto que estes traballos supoñen para as arcas dos pequenos concellos da provincia de Lugo”.

Na iniciativa rexistrada, o PSdeG insta á Xunta de Galicia “a que cumpra os obxectivos fixados na Lei 3/2013 de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, e especialmente os relativos ao  desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicación, garantía de acceso para particulares e empresas, e eliminación da fenda dixital no rural”.

Hai que lembrar que a Xunta presentou un plan de mellora de telefonía rural para o período 2022/2023 como unha acción ambiciosa que pretende mellorar o servizo de telefonía móbil en 290 entidades de poboación, mellorando a cobertura que reciben 7.000 habitantes de 65 concellos galegos. Pola contra, aseguran os socialistas, “despois de ler estes grandes titulares, comprobamos que a realidade do investimento previsto revela a cativa aposta da Xunta pola dixitalización do rural galego e lucense”.

Así as cousas e segundo os datos publicados, “o investimento total desta acción apenas acada os 4,3 millóns de euros, 3,7 deles procedentes de fondos públicos. Ou o que é o mesmo, a Xunta vai dedicar só 15.000 euros á cobertura telefónica de cada núcleo de poboación”.

Polo tanto, “as contas da Xunta evidencian unha vez máis que a administración autonómica é quen convida a este proxecto, pero a quen lle toca pagar é ós concellos, coas súas limitacións orzamentarias. Porque serán os concellos os encargados de atopar as parcelas para instalar as torres de telefonía; serán os concellos os encargados de poñer as parcelas á disposición da Xunta, cos seus correspondentes accesos; e serán os concellos os que teñan que sufragar os gastos de levar a acometida eléctrica a cada unha das torres”.

Tendo en conta que as torres poden estar asentadas en parcelas de titularidade privada, o custo total de cada torre, para os concellos, pode rondar entre os 60.000 e os 90.000 euros. Como se ve, a Xunta, non só incumpre os obxectivos fixados pola súa propia Lei 3/2013 de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, “senón que pretende botar sobre as arcas municipais a meirande parte do investimento necesario para impulsar a telefonía no rural lucense”, critican os socialistas.

Por todo isto, “o Grupo Provincial Socialista reitera o seu compromiso coa dotación de servizos básicos para o conxunto da poboación e coa necesidade de contar cunha rede de telefonía móbil e datos de calidade que dea servizo ó conxunto do territorio da provincia”, remarcan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo