O Resurrection mantén a ocupación hoteleira da Mariña ao 100%

O presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, visitaron
hoxe as instalacións nas que se está a desenvolver o XII Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europea, recoñecido e premiado como tal con diferentes galardóns. Fixérono acompañados de Iván e David Méndez Rodríguez, Director e Subdirector do festival, así como promotores e
organizadores.

Campos Conde avanzou que “este é un dos eventos turísticos máis importantes para a provincia. O primeiro, de seguro, para a nosa Mariña”. O presidente resaltou que Deputación e Concello de Viveiro apostan ano tras ano por este festival “dende o primeiro momento, da man de Melchor Roel, non coma outros que se apuntan tras o seu éxito… Dende a Deputación, facémolo con máis de 130.000 euros. Cremos que isto non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia. O Resu ten todo un recoñecemento mundial. É o mellor festival de rock de España e dos mellores de Europa. Atrae a 85.000 persoas de máis de 40 países. Agárdase un retorno económico de 13 millóns de euros. Xera uns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contrátase persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas taquillas… e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis…”.

“De feito, os hoteis da Mariña están cheos polo que os efectos do Resu se estenderon á Terra Chá, habendo reservas en Concellos como Vilalba. Por proximidade, tamén as hai en municipios da Coruña. Creo que este festival repercute moi positivamente na economía da nosa provincia, ademais de ser un escaparate turístico de primeira, pois sitúa a Viveiro e á Mariña Lucense no mapa turístico mundial. Moita xente virá ao Resu e, de seguro, aproveitará para coñecer a nosa provincia, para mercar nos nosos comercios ou para desfrutar da nosa gastronomía, cultura, patrimonio e por suposto da beleza paisaxística única da provincia”, aclarou Campos Conde.

A Alcaldesa, pola súa banda, destacou que “Viveiro ten unha ocupación hoteleira do 100% durante toda esta semana. Están ocupadas as 2.000 prazas hoteleiras. O mesmo sucede coas 300 prazas do cámping municipal e coas 12.000 prazas dos campings da organización (Resu Camp, Beach Camp e o de Covas). Este volume de visitantes contribúe á dinamización económica e promoción turística do noso Concello”.

Dende o Beach Camp e o camping en Covas haberá servizo de transporte. Os buses saíran sempre que haxa concertos, uns minutos antes de que comecen as actuacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com