‘O rural galego sobre a mesa’ do SLG prevé unha concentración de protesta e un videofaladoiro

O Sindicato Labrego Galego (SLG) está comezando a quentar motores para poñer en marcha a campaña O rural galego sobre a mesa na zona central da provincia de Lugo, que comezou cunha primeira acción onte na feira de Meira, na que se repartiu información sobre as demandas da organización agraria.

Seguindo con esta campaña, mañá, martes 10 de marzo, organizarán unha concentración no Mercado da Terra, xa na cidade de Lugo, a partir das 18:30 horas baixo o lema A invisibilidade dos mercados labregos, co fin de denunciar os atrancos que seguen a existir hoxe en día para poñer en marcha experiencias de comercialización como a lucense, e a carencia total de políticas que as promovan, sexa dende a Consellaría de Medio Rural, sexa dende o Ministerio de Agricultura.

Ao día seguinte, o 11 de marzo, ás 11:30 horas, celebrarase unha asemblea aberta en Vilalba, no local do SLG (Rúa do Cuartel, 1), na que o sindicato contará con Ana Rodríguez, especialista en PAC e ex-asesora de GUE-NGL no Parlamento Europeo. “Cun previsible recorte de fondos europeos, e aínda en fase de negociación no Ministerio de Agricultura, coa reforma da PAC o agro da Terra Chá xógase moito, xa que os seus principais sectores produtivos, como a gandería en extensivo ou a pataca, dependen destas subvencións para sobrevivir”, denuncia o SLG. “É moi importante que Galicia se pronuncie para defender os seus intereses agrarios nesta reforma, da mesma maneira que continuar denunciando, como vimos facendo dende hai anos no SLG, que a PAC exclúa importantes sectores agrogandeiros como o apícola, o viño ou a horta”.

O 12 de marzo, organizamos un video-faladoiro que terá lugar no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, a partir das 19:30 horas, e no que se proxectarán os documentais Soberanía Alimentaria, de Esther Vivas e producido por Attac TV; Bienes comunes, de Mugarik Gabe; e Agricultura urbana en Cuba, do Colectivo Documental Semilla.

Coa campaña O rural galego sobre a mesa, o SLG pretende chamar a atención sobre a necesidade de poñer en marcha políticas dende todas as administracións dirixidas a dignificar a profesión labrega e a vida no campo. Neste marco, estanse realizando accións por toda a xeografía galega, nas comarcas rurais, que culminarán o 17 de marzo cunha manifestación en Compostela consistente en rodear a Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com