O Servizo de Audiovisuais da Deputación volverá a recibir as visitas de alumnos de Primaria e Secundaria

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Perdouro de Burela inauguraron a oitava tempada do programa de visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación, destinado principalmente a estudantes de Primaria e Secundaria de toda a provincia, aínda que tamén está aberto ao alumnado da USC Sénior e a grupos de maiores interesados en coñecer o funcionamento do mundo da televisión.

O programa inclúe un percorrido polos distintos departamentos do Centro de Produción Audiovisual do SdeA para amosar dun xeito entretido o traballo que desenvolve o servizo, e conta coa participación activa dos rapaces e dos seus profesores na presentación e realización dun informativo de televisión, o chamado Ticodiario, que esta tempada inclúe unha noticia sobre a Ribeira Sacra como candidata a ser declarada ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Durante a visita, os estudantes do IES Perdouro pasaron por todas as seccións do centro: arquivo, redacción, produción, sala de cámaras, salas de edición, cabina de off, mesas de realización e de son e platós, e recibiron explicacións por parte dos profesionais de cada departamento. Deste xeito, coñeceron in situ e dunha maneira amena como é o traballo por dentro dunha televisión.

Ademais levaron á práctica as explicacións coa presentación dun Ticodiario. Este informativo inclúe noticias reais, enquisas feitas polos propios estudantes e información meteorolóxica co emprego dun croma. Ao remate desta experiencia cada participante recibiu un USB cunha copia do programa. Tamén recibiron información sobre a oferta dos ciclos de FP de realización e produción que imparte o Centro de Formación do SdeA, o único da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual.

A institución provincial continúa así o labor de achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense, neste caso, aos escolares dos centros de Primaria e Secundaria, logo do rotundo éxito das pasadas edicións. De feito, nas sete primeiras tempadas pasaron máis de 9.000 persoas polas instalacións do SdeA para participar nesta iniciativa, e foi necesario ampliar a dous o número de visitas á semana co obxectivo de atender a alta demanda. Todos os colexios e institutos da provincia interesados en participar nestas visitas poden apuntarse na sede co Centro de Formación Audiovisual, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, ou chamando ao número de teléfono 982284667.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com