" />

O SLG alerta de ataques das ratas toupa ás granxas e pide a prohibición da caza do raposo

Os últimos informes elaborados sobre a incidencia da rata toupa que está a causar estragos na montaña lucense constatan que están afectadas máis de 1.600 hectáreas, pero a cifra real podería chegar ás 2.000 segundo afirmou hoxe o Sindicato Labrego Galego tras consultar con técnicos na materia. Aínda que, até agora, os principais danos están a ser causados en praderías, dende o Sindicato Labrego Galego veñen de recibir denuncias de estragos directos en granxas de Pedrafita do Cebreiro, con contiosas perdas na herba ensilada e na colleita de nabos das granxas.

Polo que puido saber o sindicato, entre as medidas que planea a Xunta para facer fronte a esta praga está facer trampeo, en coordinación coas granxas. Sen discutir esta medida, dende o Sindicato Labrego Galego consideran que “vai resultar insuficiente”. Neste senso, “queremos subliñar como unha das principais causas desta praga o descenso poboacional dos seus depredadores naturais -donicela, raposo, aves rapaces…-, sobre todo pola caza, tanto legal como furtiva”. Por iso, dende o SLG ven necesario que a Consellería de Medio Ambiente decrete a prohibición de cazar calquera especie depredadora natural das ratas toupa nos concellos afectados e nos limítrofes, pois afirman que de continuar a presión sobre os seus depredadores o desequilibrio ecolóxico agudizarase e a crise empeorará.

“Dende este punto de vista, temos que criticar, xusto esta mesma fin de semana, a celebración do XXV Campionato Galego de Caza de Raposo nos concellos de Triacastela e Láncara, afectados pola praga. A Xunta de Galicia debería prohibir cautelarmente este torneo e calquera outra actividade que ameace con crear un desequilibrio ecolóxico semellante ao do xabaril en toda Galicia”, denuncian.

Ademais, a Consellería de Medio Rural, din dende o sindicato “non pode mirar cara a outra banda” diante das perdas que están a sufrir as granxas e que “van máis alá dos prados”, creando unha liña de axudas para compensalas. “Ao fin e ao cabo, a permisividade da Xunta co exterminio indiscriminado dos predadores naturais da rata toupa fai que sexa, en parte, tamén responsable da crise”.

Finalmente, dende o SLG solicitan tamén a convocatoria dunha xuntanza cos axentes sociais dos sectores económicos e zonas afectadas pola praga para tentar coordinar forzas e buscar as mellores solucións a unha praga que, en comunidades veciñas como Castela e León, afecta 1.610.000 hectáreas (o 20% da superficie da comunidade), causou 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    lugoWorld
    Xan 16, 2020 - 11:15 PM

    @BoletusEdulius @SLG_labregxs @MaltratoPaisaxe
    Ou o que o mesmo “defendemos AGORA o Raposo pola nosa… https://t.co/pPm5uJiUdG

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo