O SLG da Terra Chá reforza a súa oferta de cursos diante dos recortes públicos en formación

O Sindicato Labrego Galego está a organizar un novo curso de aplicación de fitosanitarios en Vilalba, para o que xa se abriu o prazo de inscrición, ao tempo que está a rematar un de iguais características na parroquia de San Cosme de Nete no que se matricularon unhas corenta persoas.

Este curso é un requisito obrigatorio para obter o carné de aplicación de fitosanitarios e a autorización administrativa para utilizalos. Máis alá diso, o desenvolvemento desta actividade fíxose, dende o SLG, a partir da conciencia do mal uso que os e as profesionais da agricultura fan dos produtos fitosanitarios por mor do descoñecemento doutras técnicas de prevención de cultivos, así como o esquecemento das prácticas tradicionais de defensa vexetal. Isto, unido á industrialización das producións agrogandeiras, obrigou a incrementar o emprego de agrotóxicos. Estes factores fan que os fitosanitarios se empreguen moitas veces de maneira errónea ou, simplemente, se abuse deles. Por iso, máis alá da súa obrigatoriedade, estes cursos realizados polo SLG na Terra Chá son unha oportunidade para informar e sensibilizar ás participantes noutros tipos de manexo fitosanitarios dos seus cultivos, mais respectuosos co medio ambiente, coa súa saúde e coa saúde de quen consume os alimentos producidos.

Os recortes forzan a privatización das actividades formativas

Trátase dun esforzo engadido ao traballo habitual que desenvolvemos o SLG e as entidades coas que teñen convenio con nós na bisbarra chairega. O SLG declarou que, “desta maneira, tentamos encher o baleiro deixado pola administración no eido das actividades formativas profesionais no agro por mor dos recortes, o que supón, unha vez máis, a privatización de servizos; neste caso, recortouse o acceso a unha formación gratuíta e de calidade. Isto obriga a que unhas actividades que antes eran gratuítas ou subvencionadas, agora deban ser custeadas integramente polas persoas interesadas. Esta problemática agudízase no rural, xa que o dispendio económico agrávase pola obriga do alumnado a desprazarse longas distancias, cando non pola imposibilidade de asistir presencialmente aos cursos”.

Contra iso, o SLG puxo en marcha unha ampla oferta de cursos: agricultura ecolóxica, gandería ecolóxica, produción de forraxes, fertilización de cultivos, prevención de riscos, introdución á recollida de cogomelos, elaboración de fitosanitarios naturais, recolección e conservación de sementes, conservas vexetais, a horta familiar ecolóxica, informática aplicada e explotación ecolóxica.

Ademais de desenvolver esta actividade formativa, dende o Sindicato Labrego “iniciamos contactos con institucións como a Deputación de Lugo e os diversos concellos da Terra Chá de cara a buscar apoios financeiros para o desenvolvemento de cursos de incorporación de xente moza á actividade agraria, formación que lles permite acceder ás axudas de primeira instalación de agricultoras e agricultores mozos, indispensables se queremos garantir o relevo xeracional nas granxas que se manteñen en activo hoxe en día. Evidentemente, este tipo de formación é moi completa e custosa e non é posible sen un apoio económico que permita impartir os cursos de maneira gratuíta ou a prezos populares”.

Fomento da agroecoloxía e dun modelo agrario alternativo ao dominante

Para o Sindicato Labrego Galego, “a formación non só é necesaria para que os e as profesionais do agro teñan as aptitudes suficientes para levar a cabo competentemente a súa profesión. Ademais, a nosa proposta formativa supón unha alternativa ao actual modelo agrogandeiro e forestal dominante, que se basea en criterios produtivistas cuxo obxectivo é proporcionar materia prima barata ás industrias alimentarias e forestais e que é extremadamente vulnerable a crises de prezos como a que padecemos na actualidade”.

Para rematar o SLG, subliña que “apostamos por uns contidos formativos baseados en criterios como a sustentabilidade, a extensificación das producións, a vinculación e conservación do territorio onde se desenvolva a profesión agrogandeira ou forestal, e o aproveitamento dos recursos locais. É dicir, formamos labregos e labregas dende o punto de vista da agroecoloxía, ofrecendo unha formación alternativa ao discurso máis común nas zonas agrogandeiras do país”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com