" />

O SLG traballa pola unidade de acción do sector lácteo como única vía para rachar coa actual folla de prezos

Nunha asemblea convocada onte en Lugo polo Sindicato Labrego Galego, gandeiras e gandeiros analisaron a situación crítica para o sector do leite, cun futuro no que se preven aínda máis e maiores subas nos custos de produción e o imobilismo de boa parte da industria, que se nega a reflectir esas subas no prezo pagado ás granxas. Levantou consenso a decisión de estabelecer xa uns mínimos irrenunciábeis e unha folla de rota que apresentar a outros axentes do sector, para desenvolver unha estratexia de acción unitaria e constante.

O obxectivo marcado pola asemblea é rachar coa folla de prezos en que a industria se mantén instalada e diante da que as administracións estatal e autonómica están a ser pasivas e incapaces de velar polo cumprimento da lei ou de defender a quen traballa na produción de leite.

Desde o Sindicato Labrego, representado pola súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, e os responsábeis polo sector do leite, Manolo Villaverde e Ana Rodríguez, introduciuse a asemblea recollendo a situación: ademais da problemática de custos e prezos, o moi desfavorábel para a Galiza que vai ficar a PAC, mesmo en comparación con outras comunidades da rexión cantábrica cuxos gobernos negociaron cifras moito máis altas.

Representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) presentes na reunión constataron a preocupación existente no sector pola continuada suba de prezos dos insumos, prevendo incrementos de ata o 30% á altura de febreiro ou marzo e dificultades no frete de barcos e noutros pontos da loxística e transporte de materias primas. Por outra banda, fixeron notar que desde a súa posición a unidade de acción vai ser chave en facilitar o apoio da AGACA ás mobilizacións do sector.

A asemblea salientou o imperativo de construir alianzas e unidade de acción, mais asentadas no acordo previo en base a mínimos irrenunciábeis e en evitar as visións curtas que poidan criar a ilusión de que unha mobilización puntual podería resover esta problemática estrutural. A Dirección do Leite do SLG comprometeuse á elaboración da súa proposta de mínimos, coa que achegar a outras entidades esa proposta dunha liña de acción unitaria e prolongada que consiga efetivamente mudar as cousas.

Igualmente, decidiuse solicitar á Consellaría a convocatoria urxente da Mesa do Leite, ou dun grupo de traballo coas distintas partes implicadas, con que a administración autonómica comece a mudar a inacción e falta de alternativas para as produtoras e produtores de leite deste país. Realizouse a entrega por rexistro da solicitude, acompañada dunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo