O titor legal dunha residente do CAM de Ribadeo négase a que a vacinen

O titor legal dunha anciá residente no Centro de Atención a Maiores de Ribadeo negouse a que a muller fora vacinada. Así o informou a Deputación Provincial, xestora deste centro residencial, que xa puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía.

Precisamente esta anciá deu positivo por Covid-19 nun dos cribados periódicos realizados polo SERGAS e a Deputación quen illou á muller e á súa compañeira de habitación. No día de onte, a usuaria da residencia realizou unha nova proba diagnóstica, ao igual que a súa compañeira, e ambas resultaron negativo polo que, en principio, poderíase tratar dun falso positivo. O executivo provincial xa pediu ao SERGAS unha segunda PCR para aclarar esta situación.

“Sendo a vontade da institución -din dende o Goberno- protexer á totalidade dos residentes e persoal do centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á vacinación desta usuaria”. O resto da comunidade deste centro residencial xa completou a pauta de vacinación.

Neste senso, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda que o Centro de Atención a Persoas Maiores siga libre do covid19 e que a única usuaria que non foi vacinada, por expreso desexo do seu titor legal, reciba as doses canto antes. O rexedor subliñou que “non administrarlle a vacina a esta persoa supón un risco moi importante para ela e un perigo para os demais usuarios e usuarias da residencia ribadense, que ata o de agora estivo libre de covid19 e agardamos que así continúe”.

O alcalde de Ribadeo agarda que o Sergas realice un novo cribado neste centro, que confirme que se trata dun falso positivo o caso detectado este mércores. Ata que esa nova proba sexa realizada tanto esta usuaria como a súa compañeira de habitación permanecen illadas, “segundo acabamos de saber por parte dos responsables da Deputación. Quedamos á espera de poder confirmar a boa nova de que ese posible positivo se quede nun susto sen mais”, engadiu.


Imaxe: Vacinación na CAM de Ribadeo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com