" />

O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 nos albergues turísticos que amplíen aforo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorizou á Xunta esixir a presentación do certificado COVID-19 para acceder aos albergues turísticos que conten cun aforo do 75 % nos espazos de aloxamento compartido. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo entende que a medida preventiva de seguridade sanitaria está xustificada, tal e como indica a Orde do 6 de outubro que a contén, “polo tempo de estancia en lugares pechados e compartidos con outras persoas que non teñen por que formar parte da mesma unidade de convivencia”. Ademais, destaca que, tal e como indican os expertos nos informes achegados, se trata de espazos nos que se poden “agrupar factores que aumentan o risco de transmisión” da COVID-19.

Os maxistrados sinalan que a Xunta explica na Orde que nos albergues comparten cuarto para durmir “persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países”, con diferentes taxas de vacinación, polo que considera preciso “establecer medidas adicionais de salvagarda da saúde para poder aumentar o aforo e con iso aliviar ao sector, nun momento no que se vai a ir cara a relaxación de aforo e aforo completo noutros sectores”. Ademais, salientan que se establecen dous niveis, “de maneira que ningún albergue turístico se verá obrigado a aplicar a medida da que se solicita a autorización xudicial, pois só se verán obrigados aqueles albergues turísticos que se queiran ver favorecidos por unha ampliación da capacidade ao 75 % das prazas nos espazos de aloxamento compartido”.

“Non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de aloxamento onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, recalca o tribunal, á vez que indica que, como argumentou o Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado 14 de setembro, o que se pretende con este tipo de medidas é “evitar ou limitar a transmisión da infección, truncar a propagación da COVID-19 e interromper a cadea de contaxios”, pois é “unha evidencia científica que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é moito menor á dos non vacinados”. Os maxistrados, polo tanto, consideran que a medida é idónea porque permite uns niveis maiores de ocupación garantindo a seguridade sanitaria.

O TSXG asegura que o feito de que a implantación da medida non se limite por territorios ou zonas xeográficas e se aplique a toda Galicia non impide considerala “proporcionada, necesaria e idónea”. Ademais, recalca que non consta outra “medida alternativa e menos gravosa para garantir a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos na situación de emerxencia sanitaria na que aínda nos atopamos”. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo