A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aumenta nun ano a pena de dous anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un home por agredir sexualmente á filla menor de idade dos seus veciños, avós da vítima. Os maxistrados acollen, desta forma, o recurso de apelación interposto polos pais da menor ao suprimir da resolución de primeira instancia a mención que efectúa á atenuante de reparación do dano. O tribunal destaca a “distancia” entre os 4.500 euros ingresados polo acusado e os 8.000 euros establecidos na sentenza como indemnización, á vez que salienta que o procesado realizou o ingreso tras o requirimento do xulgado. Así, explica que “é un acto debido de garantía e non persoal, senón cominado pola xurisdición penal”.
O alto tribunal galego destaca que o acusado se aproveitou “da relación de familiaridade que tiña” coa menor e do seu coñecemento de que estaría soa na vivenda no momento dos feitos. Por outra banda, a Sala rexeita o recurso de apelación interposto pola defensa do condenado, xa que considera que o narrado pola vítima “é crible en si mesmo”, achegando “matices e detalles”, á vez que destaca que conta “coa relevante corroboración de varios testemuños” e que a pericial do Instituto de Medicina Legal de Galicia conclúe que a nena presenta “sufrimento emocional importante vinculado aos feitos”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.