Reixtro Civil

Un xulgado declara improcedente o despedimento de catro traballadoras do servizo 010

O Xulgado do Social número 4 de Lugo declarou improcedente o despedimento, feito efectivo o 1 de abril de 2022, de catro traballadoras adscritas ao servizo 010 do Concello de Lugo e, en consecuencia, condenou á empresa Abante Business Process Outsourcing a que opte entre readmitir ás demandantes no seu posto de traballo ou indemnizalas cun total de 11.382 euros (sumadas as catro indemnizacións) pola extinción da relación laboral. Desa contía, segundo especifica a maxistrada na sentenza, debe deducirse a indemnización que por cesamento do contrato puidesen percibir as traballadoras.

Na resolución, a xuíza explica que a empresa, por decisión unilateral, deixou de prestar o servizo de atención telefónica 010 desde o 8 de marzo de 2022. “É evidente que se trata dun suposto de despedimento tácito, debido a que existe unha vontade evidente do empresario de poñer fin á relación laboral, debido a que procedeu a dar de baixa na Seguridade Social ás traballadoras”, recalca a titular do Xulgado do Social número 4 de Lugo no fallo, no que indica que os despedimentos deben ser cualificados como improcedentes porque “non se axustan ás formalidades establecidas na lexislación vixente”, que establece que “o despedimento deberá ser notificado por escrito, indicando os feitos que o motivan e a data de efectos”.

A maxistrada eximiu de responsabilidade solidaria á entidade Central de Llamadas porque “non asumiu o servizo de atención telefónica 010 que prestara previamente Abante”. A xuíza asegura que non se tratou “dunha sucesión de contratas”, pois Central de Llamadas, “provisionalmente e durante apenas tres meses, asumiu a atención de chamadas ante o abandono do servizo por parte de Abante, pero, na actualidade, o servizo é prestado polo propio Concello de Lugo”. Contra a resolución cabe presentar recurso de suplicación ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com