O TSXG paraliza cautelarmente o réxime de xestión do lobo aprobado pola Xunta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu, de forma cautelar, a resolución da Xunta de Galicia pola que se determinou o réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, ao entender que a súa posta en práctica podería afectar á viabilidade das poboacións. A Sala, que aplica o principio de precaución ambiental, explica no auto que na adopción das medidas de xestión que se contemplan na resolución, conforme á memoria xustificativa, “atópase o control de lobos co fin de previr e paliar os danos á gandería”. Con todo, recalca que, “na ponderación obrigada nesta medida cautelar, a este só efecto, deses danos na gandería, dun lado, e, doutro, a protección da viabilidade das poboacións de lobo”, se debe ter en conta que sobre “os danos á gandería non se ofrece información nin cualitativa nin cualitativa”, así como que eses danos á gandería, “aínda que non son reversibles, si son indemnizables”.

O alto tribunal galego lembra na resolución que a medida cautelar adoptada “se acouta ao réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, pois o réxime de caza doutras especies e a súa protección, aínda regulado total ou parcialmente pola Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, cuxa modificación agora é obxecto de impugnación, é alleo ao presente litixio, con independencia da impugnación da devandita resolución do 27 de marzo de 2024 noutros recursos ante esta Sala”.

Os maxistrados advirten que o incidente cautelar “non pode anticipar o sentido da resolución final do litixio no que atende ao fondo do debate”, á vez que salientan que “o principio de precaución ambiental non atende ao fumus como aparencia de bo dereito da pretensión principal, senón que opera no proceso de ponderación entre os bens xurídicos en risco, xuízo que se desprega no plano fáctico, limitado, ademais, pola funcionalidade propia do incidente cautelar”.

No auto, o alto tribunal lembra que, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, “o principio de precaución se impón tanto na área concernida pola resolución como na avaliación extensa, que integra a áreas limítrofes, pero tendo que ser favorable o estado das poboacións en ambos os escenarios e non só nun deles”, ao que engade que, coa provisionalidade inherente a este incidente e á limitada proba practicada ata o momento, existen “indicios consistentes, coas mesmas limitacións probatorias, dunha cualificación desfavorable respecto do estado das poboacións”. Polo tanto, o TSXG accede á medida cautelar solicitada por WWF-ADENA.

 A Xunta lamenta a imposibilidade de adoptar medidas de control da poboación do lobo de forma inmediata.

Unha vez recibido o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que suspende, de xeito cautelar, amodificación da resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza en Galicia na tempada cinexética 2024-2025. A Xunta emitiu o seguinte comunicado

Os cambios na resolución, publicados no Diario Oficial de Galicia en abril, supoñían incorporar esta especie ao listado daquelas sobre as que se podían adoptar medidas de control en casos de danos recorrentes sobre a gandaría. De feito, trátase dunha modificación que se realizou trala exclusión das poboacións do lobo ao norte do río Dourodo Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) e co fin de volver a aplicar o plan galego de xestión do lobo que estivo vixente ata 2021, sen que enningún momento fose posto en dúbida ou recorrido xudicialmente.

Os servizos xurídicos do Executivo galego están a estudar en profundidade o auto do TSXG, tendo presente o criterio seguido nas últimas semanas polos tribunais doutras comunidades -como é o caso de dúas resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria e unha do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León-, que rexeitan a suspensión cautelar das accións de control sobre o lobo ao entender que o estado das súas poboacións é favorable.

Unha situación, defende a Xunta, que tamén se dá en Galicia, pois o número de mandasda especie –como recolle o último estudo remitido ao Goberno central de cara á elaboración do informe sexenal- aumentou de 84 en 2014 a 93 nas últimas estimacións, e está presente en máis do 90% do territorio galego. De feito, boa mostra dese estado favorable das poboacións da especie é que só desde o ano 2021 os avisos por ataques de lobos na comunidade aumentaron un 77% e o número de reses afectadas un 57%.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, alertou das consecuencias para o sector agrogandeiro galego, que non poderá adoptar medidas de control fronte á presenza do lobo e terá que limitarse ás medidas de prevención e a solicitar axudas para compensar os danos cando se produzan.

A Xunta salienta que, desde a exclusión do lobo do Lesrpe, actuou en todo momento con rigorosidade e retomou o plan de xestión que estaba vixente ata 2021. De feito, a caza do lobo seguía estando prohibida con carácter xeral malia a súa inclusión na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética. É dicir, só se podían adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.

Nas últimas semanas, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tramitou distintas solicitudes recibidas nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, e autorizou dúas -unha na Coruña e outra en Ourense- que cumprían os requisitos ao estar suficientemente xustificadas. Asaccións desenvolvidas ata o momento -esperas- non deron resultados, polo que non se extraeu ningún exemplar, e as pendentes de realizar na provincia da Coruña -as datas autorizadas no caso de Ourense xa pasaron- serán suspendidas de xeito inmediato, en cumprimento do que establece o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com