" />

O TSXG rexeita o recurso de “Hablamos Español” contra a ordenanza lingüística da Coruña

 Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou que a ordenanza municipal de uso da lingua galega no Concello da Coruña é conforme a dereito e, polo tanto, rexeitou o recurso interposto contra a mesma pola asociación Hablamos Español. A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo destaca na sentenza que o texto “recoñece expresamente o castelán como lingua oficial no Concello”, á vez que salienta que non impide á administración dirixirse en castelán aos cidadáns/a que así o desexen. “Empregar e promover o uso do galego por parte da administración non nega a cada cidadán/a o seu dereito de elección lingüística relacional se así o desexa, simplemente establece un uso normal do galego por parte do Concello, o cal deriva directamente de mandatos de carácter estatutario e legal, que apuntan a esta solución como política de normalización lingüística dunha lingua historicamente sometida a un proceso sociolingüístico de diglosia”.

Os maxistrados inciden en que na ordenanza hai “unha invocación de primeira orde, constitucional e estatutaria, do carácter cooficial do castelán”. Ademais, recalcan no fallo que o texto ten por obxecto regular o uso do galego no Concello, polo que aseguran que é “normal que, na súa técnica normativa, se poña o acento nos aspectos da vida municipal nos que se quere proxectar a súa presenza e a forma ou os medios cos que se quere concretar”. O tribunal tamén subliña que así o establece “o propio Estatuto de Autonomía de Galicia e o resto das normas legais de desenvolvemento sectorial”. A achega ao ordenamento xurídico da ordenanza, segundo indica o alto tribunal, “consiste en explicar e desenvolver en que consistirá a promoción e normalización do uso do galego no campo municipal, de maneira que o resto dos aspectos relativos ao castelán, logo dunha primeira cita de recoñecemento do seu status de oficialidade, poderán ser sobreentendidos pola vixencia do principio de xerarquía normativa”.

“O uso normal do galego ao que se convida na ordenanza é perfectamente coherente co modelo constitucional de cooficialidade e, tal e como está redactado, de ningunha maneira admite a interpretación de que se prohiba aos destinatarios da norma expresarse en castelán”, explican os maxistrados, os cales destacan que “unicamente afirma como política de normalización do uso do galego a invitación para telo como centro de gravidade do hábito lingüístico (collendo prestada a expresión do Tribunal Constitucional) en determinados ámbitos municipais”, explica a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo na resolución.

Por outra banda, os xuíces inciden “na lexitimidade constitucional e legal” de que os pregos dos contratos administrativos conten coas denominadas “cláusulas de contratación pública lingüisticamente responsable”, entendidas como “a facultade de incluír nos procesos de contratación, e no marco da estratexia da normalización lingüística, a mención á necesidade de que as prestacións ofertadas inclúan o galego como lingua normal na que se vehicule a prestación (sen exclusión da opción lingüística polo castelán de forma igualmente normal, cando así sexa demandada sen especiais formalidades)”. O TSXG tamén avala que esas cláusulas funcionen “como elementos de mellora das condicións da prestación ofertada, co límite de non excluír do proceso a quen non as incorpore, de maneira que funcionarán como mérito a ter en conta á hora de tomar a decisión, posto que unha prestación que incorpora ambas linguas é de mellor calidade en termos de dereitos cidadáns que aqueloutra que exclúe unha de elas”.

“A ordenanza de que a prestación contratada deba ser desenvolta de maneira normal en galego, coa previsión de dispoñibilidade lingüística en castelán derivada da natureza da mesma, ten un carácter instrumental ou medial para dar cumprimento aos dereitos recollidos na Carta galega dos servizos públicos, que recoñece á cidadanía o dereito de elección lingüística”, indican. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo