O VII XuvenCiencia achegarase á loita contra o ciberbullying

O campus de Lugo da USC celebrará do 1 ao 5 de xullo a sétima edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, a través do que se pretende espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia.

O prazo de preinscrición neste programa que oferta 150 prazas, 100 para novos alumnos e 50 para veteranos, permanecerá aberto desde este venres 3 de maio, ás 15:30 horas, ata o vindeiro 12 de maio, ás 24:00 horas, na páxina web http://www.usc.es/xuvenciencia/campus/. O 15 de maio publicarase a primeira lista de admitidos e o primeiro prazo de matrícula ábrese do 15 ao 21 de maio, ambos os dous inclusive.

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas da USC en Lugo, así como nos seus centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

Todas as prazas que se afertan están dotadas con aloxamento para que todo o alumnado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira baixo a tutela do monitorado titulado da A.D.C. Lumieira Lugo.

No marco do programa deste ano, unha das principais novidades é a actividade Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso  indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o ciberbullying ou acoso virtual. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying coas súas propias armas, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

A colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC constitúe outra das novidades desta sétima edición de XuvenCiencia. Baixo a coordinación de Martín Santamarina García, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN.

Ademais, esta nova edición do Campus Científico de Verán eríxese na máis sustentable de todas as celebradas ata o de agora xa que aspira a reducir de modo substancial os residuos de plásticos grazas á colaboración da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, a cal agasalla ao alumnado participante con cantimploras para que non teñan que facer uso de botellas de plástico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com