O voceiro do PSOE no Concello afirma que a decisión de Santín é “un exemplo de coherencia e responsabilidade”

A Xunta de Goberno aprobou este mércores adxudicar tres novas melloras nas infraestruturas do medio rural por valor de preto de 180.000 euros. O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, explicou que os traballos consisten na rexeneración de firmes da estrada entre a N-640 ao núcleo de Benade, cun orzamento de 81.000 euros; da N-640 a Vila de Arriba e Rubiás, con 75.800 euros e da LU 3907 á igrexa de Pías, por 22.200 euros. O prazo de execución destas obras é dun mes dende a sinatura da acta de comprobación de replanteo.

En canto á decisión de Juan Carlos González Santín de renunciar á súa acta de Concelleiro, Miguel Fernández salientou que o Goberno acéptaa “con absoluta normalidade”, e que se trata “dun exemplo de coherencia e responsabilidade”, pois cumpre “coas normas internas do partido”. Santín “é unha persoa capaz, preparada, cun traballo beneficioso para o Concello, pero en todo caso na lista coa que concorremos ás eleccións hai persoas con experiencia e capacidade para asumir perfectamente este papel”, explicou o edil.

Axudas a asociacións

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases xerais que regulan a concesión de subvencións a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro de carácter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente, para o desenvolvemento de actividades e o mantemento de equipamentos.

O Concello destina 45.500 euros a estas axudas, “coas que dinamizamos o tecido asociativo do municipio e contribuímos a que manteñan as súas actividades, dirixidas á mellora a calidade de vida dos cidadáns”, indicou o voceiro. As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, poderán solicitarse durante 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases no Diario Oficial de Galicia. Os interesados tamén terán toda a información no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello de Lugo.

A contía máxima que recibirá cada colectivo será de 3.000 euros. Entre os criterios de valoración figuran o número de integrantes da asociación, e no caso de ser unha federación, o número de asociacións coas que contan; a antigüidade do colectivo; porcentaxe de mulleres na directiva; explicación detallada do proxecto; ter local propio ou alugado; gastos de persoal propio da asociación; interese xeral do proxecto e número de actividades presentadas.

Novas licenzas nas Gándaras

O Concello concedeu dúas novas licenzas no polígono das Gándaras, nas que aplica unha bonificación do 50% para favorecer o asentamento de empresas. Trátase, por unha banda, dunha licenza para a reforma e acondicionamento de naves que se agregan para destinar a tanatorio. Foi solicitada por Velatorios Lucenses, e conta cun orzamento de 985.848 euros e un prazo de execución de 24 meses.

Por outra banda, concedeuse licenza para a construción dunha nave industrial de planta baixa para almacén de mobiliario, equipamento e produtos de hostalería e estacións de servizo. Solicitada por Gasóleos CEAO, conta cun orzamento de 135.550 euros e un prazo de execución de 24 meses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com