" />

O xornalista galego Manuel Silva ven de publicar o poemario “Posta de Sol”

O xornalista galego Manuel Silva ven de publicar o poemario  “Posta de Sol”, un libro no que se recollen 51 poemas de temática variada entre os que destacan os referidos ao mundo rural, ao medio ambiente, ao erotismo, á vida e á morte.
O libro, escrito en galego, agás seis poemas que foron compostos en castelán, está editado por “Meubook” e leva na súa portada como ilustración unha fermosa posta de sol na Coruña feita polo pintor Ramón Irago.
Segundo destacou o autor da obra, “a temática é moi variada, pois vai desde a defensa do medio ambiente ata cuestións sociais, relixiosas e políticas de actualidade, pasando pola nostalxia de recordos da infancia e da mocidade no mundo rural da Terra de Melide”.
Tamén ocupan un lugar privilexiado algúns poemas sobre a fraxilidade humana, o paso do tempo, o erotismo, a vida e a morte.
“A idea da morte -destaca- é tan forte que se lle dedican ao asunto, entre outros, o propio título do libro e os tres primeiros poemas, ‘Posta de sol’, ‘Dar contas’ e ‘Caligramas de morte e vida’, en concreto”.
Inclúe así mesmo este traballo un longo poema sobre os 17 anos que Manuel Silva pasou en Lugo -vinculados ao seminario e ao chamado entón Instituto Masculino- e que, segundo confesa, marcaron decisivamente o rumbo da súa vida.
Recolle este volume, igualmente, outros dous poemas nos que o creador canta ás belezas e aos encantos da Coruña.
Manuel Silva García (Moldes-Melide, 1943) é licenciado en Ciencias da Información e diplomado en Filosofía e Teoloxía. Tras dedicarse cinco anos á docencia en Lugo, en 1975 ingresou na Axencia EFE, da que foi delegado no País Vasco e Navarra, onde en 1983 elixírono presidente da Asociación da Prensa de Pamplona. De regreso en Madrid, foi responsable de Información parlamentaria, así como redactor xefe e subdirector do departamento de Nacional e director de Gráfica e de Reportaxes.
É autor, entre outros traballos, do ensaio “Área de descanso” e dos poemarios “Viaxe a Catarsis”, “Haikus con Silvas”, “Haikus de acá e de acolá” e “Carpe Diem”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo