O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo rexeita a demanda presentada por dous membros do grupo municipal do Partido Popular fronte ao Concello de Lugo polo arquivo do procedemento, sen declaración de responsabilidade de funcionario ou autoridade, ao non apreciar dolo ou culpa ou neglixencia grave, aberto tras a indemnización de 2,4 millóns que a administración local tivo que pagar a unha empresa polo fracasado proxecto de rehabilitación e explotación da antiga Fábrica da Luz.
Os recorrentes, segundo consta na sentenza, solicitaban reabrir o caso para que se investigase á entón alcaldesa e se mantivese o expediente fronte a unha persoa que exercía de concelleiro no momento dos feitos. O xuíz salienta na resolución que “o funcionario público de maior rango do concello, o secretario xeral, foi o instrutor do procedemento e elaborou a proposta de resolución, que foi aceptada”, á vez que engade que “a preparación técnica, imparcialidade e bo facer do funcionario se reflicte tanto na súa titulación como na lectura dos diferentes documentos que forman o expediente administrativo: completos, razoados, fundados e fundamentados”.
“Non existe o máis mínimo indicio de participación directa da entón alcaldesa no feito xerador do dano -a resolución dun contrato ao perder unha concesión administrativa-, salvo que queiramos confundir as responsabilidades políticas coa responsabilidade xurídico-administrativa nunha figura tan singular como a derivación de responsabilidade a funcionario ou autoridade”, recalca o maxistrado na sentenza, na que incide en que a actuación do letrado foi correcta “porque un expediente de responsabilidade tense que incoar por uns feitos e fronte a uns responsables, sen que se poidan confundir outro tipo de investigacións -xornalísticas ou as derivadas do control político dos grupos na oposición- coa dun singular procedemento de responsabilidade”.
En canto ao fondo do asunto, o maxistrado subliña que o prazo para solicitar a prórroga dunha concesión “non é unha información ao alcance dun enxeñeiro ou dun concelleiro, por moito que se lle designe responsable do contrato de obras ou proxecto que afecta a un edificio concesionado que estea no seu ámbito de actuación”. Así, indica que “un precepto designado para que a administración se reintegre por danos causados por delito ou culpa ou neglixencia grave non pode dar lugar a incoar procedementos ante calquera resolución xudicial condenatoria da administración, por moi importante que sexa o importe”. O determinante, segundo sinala o xuíz, “non é ese importe, senón a concorrencia de dolo ou culpa grave, que non apreciamos na actuación do funcionario e do concelleiro sinalados”. Por todo iso, o maxistrado rexeita a demanda. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de apelación ante o TSXG.