O Xulgado desestima a demanda de UXT contra Sargadelos por vulneración da liberdade sindical

O Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a demanda interposta por UXT e a ex representante dos traballadores en Sargadelos contra a empresa de cerámica e o seu administrador por vulneración do dereito á liberdade sindical. UXT presentou a demanda tras a comunicación de despido de 49 empregados con efecto inmediato que realizou o dono de Sargadelos o pasado 17 de agosto.

“Non queremos que ninguén se sinta explotado, segundo o léxico sindical”, consta probado na sentenza que dixo o administrador. Tres días despois, un grupo de traballadores recolleu firmas para solicitar a dimisión da demandante como representante sindical. As relacións entre a empregada e o socio maioritario de Sargadelos non eran boas, pois despediuna en 2016 e readmitiuna en febreiro de 2018, tras indemnizala con 30.000 euros, obrigado por unha sentenza xudicial. Finalmente, o 12 de setembro celebrouse unha asemblea, na que interveu o propietario da empresa e, dous días despois, a sindicalista foi revogada do seu cargo.

O xuíz indica no fallo que as críticas vertidas polo socio maioritario da compañía nesa reunión contra a sindicalista están amparadas polo seu dereito á liberdade de expresión. “Son críticas e denuncias dirixidas aos traballadores sobre o funcionamento dun sindicato e unha representante do mesmo”, subliña na sentenza. En canto á gravación presentada por UXT da asemblea, o xuíz sinala que o administrador non recoñeceu a súa voz e que non pode servir de proba na súa contra porque “se descoñece quen realizou a gravación e, en consecuencia, dar veracidade da mesma”.

Ademais, resalta que “ningunha das testemuñas recoñece as expresións alí vertidas e lidas polo letrado de UXT no acto do xuízo”. Contra a resolución do Xulgado do Social número 2 de Lugo cabe interpoñer recurso ante o TSXG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com