A parroquia lucense de Orbazai acollerá este domingo, 7 de xuño, unha nova edición da súa Foliada, unha cita que reivindica a música tradicional galega e que pon de manifesto o dinamismo social e cultural do rural lucense. A xornada está organizada por Airiños de Orbazai, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes.
A presentación da celebración tivo lugar este mércores e no acto, o vicepresidente provincial, Efrén Castro, destacou o compromiso da veciñanza de Orbazai coa cultura e a música tradicional, así como o papel dos colectivos de base na dinamización social e cultural das parroquias rurais.
A Carballeira de Xanares será o escenario dunha programación que arrincará ás 11.00 horas coa apertura da feira de artesanía, na que haberá demostracións e postos de venda de produtos artesáns e agroalimentarios. A música tradicional será a protagonista ao longo da xornada, coa participación das aulas de música e baile de Airiños de Orbazai, O Arco da Vella, As Xarutas e D’Xanares, ademais dun concerto de Os Carecos ás 22.00 horas. A celebración rematará cunha foliada aberta.






