Orozco: “Rematou esta longa noite de pedra”

O ex Alcalde de Lugo, José López Orozco, amosouse esta mañá ledo tralo arquivo de todas as causas xudiciais ás que se enfrontou dende a súa marcha do Concello. “Neste momento podo sentarme diante de vostedes e dicir o que tantas veces proclamei no salón de plenos do Concello de Lugo, son inocente”, explicou o exmandatario socialista.

Na sede do partido na cidade de Lugo, Orozco explicou que ser declarado inocente en todas as causas é o que lle dá a forza e os folgos para “presentarme diante dos medios de comunicación é dicir que mereceu a pena chegar ata aquí, confiar nesa forza que sempre sentín, e que esa longa noite de pedra está finalizada”.

O ex rexedor estivo acompañado na rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede provincial do PSdeG pola Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo quen destacou a grande calidade humana e a gran proxección política de Orozco: “Foi un dos grandes alcaldes da historia de Lugo, que marcou un antes e un despois na cidade, ademais de ser un referente do municipalismo político en España”, sinalou.

“É unha persoa respectada e apreciada dentro e fóra destas murallas e tamén dentro e fóra do PSOE. Por fin a xustiza corrixiu os seus propios erros, pero o que queda sen corrixir é o dano persoal, profesional e político que  sufriu Orozco e outros compañeiros políticos, algo que xa non ten solución”, lamentou a dirixente socialista.

Por iso, insistiu na súa intervención na necesidade de reclamar, “dende o respecto á independencia xudicial, rigor, seriedade e axilidade á xustiza. E poñer enriba da mesa mecanismos correctores que eviten as tentacións dos que pensan que unha carreira profesional pode medrar máis deprisa si se somete a persoas coñecidas a isto que se chama á pena do Telexornal”, criticou.

López Orozco lembrou na súa intervención que todo partiu “dunha denuncia falsa, de alguén que afirmaba que non tiña probas, e a partir de aí se me imputa e se me impide acceder ao sumario para saber de que se me acusaba”. O socialista remarcou que malia que os diferentes informes policiais e xudiciais sobre o seu patrimonio desmentían os argumentos da xuíza, ou dos distintos escritos da Fiscalía, “ela non facía caso, nada lle importaba, non lle valían incluso as sentenzas, como a da Fábrica da Luz, que deixaba claro que todo estaba dentro da lei; ela tiña claro que había que seguir investigando a ver se aparecía algo”.

López Orozo recalcou que para acusar hai que ter probas ou indicios racionais que se basean en feitos e poden levar  a acusacións”, pero “nunca inventar artificios xurídicos para poder acusar, tal e como relata a Audiencia Provincial nos seus propios escritos”.

“Poderán comprobar e comprender cal foi o meu calvario e o da miña familia, e hoxe todo iso está acabado e terminado. Tiven que marchar da política por algo que me gustaría que nunca máis volvera a suceder. Non sei canto daría da miña vida para que fora o último caso da política polo que alguén ten que abandonala porque foi xulgado polos seus adversarios políticos”. E proseguiu coa súa argumentación asegurando que “temos que aprender, e temos que respectar o artigo 24 da Constitución e o artigo 11 da Declaración dos Dereitos Humanos: todos somos inocentes ata que se demostre o contrario. Porque o contrario só o poden demostrar os xuíces, nun xuízo xusto”.

Preguntado sobre a posibilidade de que nalgún momento emprenda accións legais contra a maxistrada, explicou que se “sentará cos seus avogados e estudará si é posible”. E puntualizou que, si é posible, seguramente tomará a decisión, sobre todo despois de analizar as resolucións xudiciais que foron arquivando, unha a unha, as causas nas que figuraba como investigado.

O ex Alcalde socialista preguntouse “por que a instrutora se comportou así comigo?”. “Seguro que non atoparei  respostas da instructora, ela nunca me chamará para dar explicacións, pero si que as podo atopar nos autos xudiciais. Estou feliz, relaxado e, aínda que pareza contradictorio, por moi mal trago que me fixera pasar a instrutora, confío na Xusticia, en maiúsculas, porque me devolveu o que se me arrebatou”.

Orozco, quen dixo sentirse moi preocupado polos que pensarían os seus alumnos e alumnas cos que compartiu ensinanzas por mor destes procesos xudiciais, remarcou que en todo momento tratou de comportarse dentro dos parámetros “da ética e da política con maiúsculas”. O antigo rexedor valorou o apoio da súa familia, así como o traballo do seu equipo xurídico, e aproveitou para “agradecer o apoio e a confianza aos miles de cidadáns de Lugo que me enviaron o seu cariño ao longo de todos estes anos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com