Os Abelleiros e Ribadeo colocarán trampas de velutina no casco urbano do municipio

O Concello de Ribadeo, en colaboración coa asociación Os Abelleiros, colocará ao longo dos vindeiros días trampas en diferentes puntos do casco urbano para loitar contra a avespa velutina. A campaña foi presentada pola concelleira de Obras, Mónica Freire, e por Antonio Valea e Marcos Villamil, secretario e presidente respectivamente de Os Abelleiros.

A edil de Obras, Mónica Freire, amosou a sensibilización do Concello ante este problema “non so pola súa incidencia no sector apícola senón tamén polo que pode representar para a poboación en xeral”.  En total, serán unha vintena de trampas as que se colocarán no municipio en colaboración coa área de Medio Ambiente.

Segundo explicou o secretario da asociación Os Abelleiros, Antonio Valea, o casco urbano da localidade mariñana era unha zona “que nos quedaba sempre sen cubrir”. ” O Concello de Ribadeo, cos seus propios medios, vai poñer diversas trampas por varios puntos, xardíns e zonas que nos parecen interesantes, porque é onde primeiro empezan a aparecer os niños primarios de velutina, pola temperatura que sempre na poboación é un pouco máis alta, e era onde en primeiro lugar aparecían os niños”.

Antonio Valea comentou que “o que estamos facendo, como atraínte comercial caseiro, é un mesturado de dous litros e medio de auga, un quilo de zucre e unha pastilla de levadura fresca de panadería que se compra no supermercado. Iso mestúrase todo, deixase pasar vintecatro horas, hai que almacenalo sempre destapado porque segue fermentando e pode estoupar, e despois xa se pode repartir polas trampas e ir cambiando o líquido, nós cambiámolo cada oito ou dez días máis ou menos”.

Marcos Villamil, presidente da asociación apícola Os Abelleiros, dixo que “desde esta asociación imos colaborar co Concello de Ribadeo no trampeo de primavera, que é o máis efectivo na loita contra a avespa velutina. É dicir unha velutina, un niño menos. Normalmente faciámolo do 1 de marzo ao 1 de xuño, pero como estamos a ter estas temperaturas tan elevadas para a época do ano na que estamos, adiantaremos o trampeo”.

Marcos Villamil anunciou ademáis que “o 29 de febreiro pola tarde na Casa do Mar, en Ribadeo, impartiremos unha charla para todas as persoas que desexen información tanto da avespa velutina como do trampeo de primavera, confección de trampas caseiras e atraintes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com