Os bens dos políticos

Dun tempo a esta parte existe unha preocupación especial pola transparencia dos actos dos políticos nas súas funcións de goberno, tendo estes que facer declaración dos seus bens ao entrar a exercer o cargo, e suponse que render contas ao final para comprobar se se enriqueceron ou non durante o servizo público.

Que isto conste a nivel institucional, o que non deixa de ser un paripé e quedar ben de cara á galería, é admisible se así quedan tranquilos os órganos de velar pola claridade das administracións, pero trasladar iso ao gran público entendo que roza o esperpento.

Contemplar como os nosos políticos se ispen diante de nós, proporcióname como unha desagradable sensación de “voyeurismo”, que me fai sentir pudor e un aquel de vergoña saber canto diñeiro teñen nas súas contas correntes, canto perciben por nómina, se teñen solares ou fincas rurais, se posúen casas, pisos, trasteiros, garaxes ou coches, e se teñen créditos ou hipotecas pendentes de pagar da cantidade total que lles foi concedida.

Entrar nestes detalles de posesións privadas ven resultar como se un Gran Irmán político-económico-social pescudase nas interioridades dos que participan no Master Chef da política, para cociñar os nosos intereses públicos, tendo que pagar a peaxe de abrir as súas intimidades prevendo os erros que poidan cometer.

Somos un país e temos unhas administracións de apariencia, non de transparencia. Aquí o que importa é que os papeis digan o que teñen que dicir, con independencia da realidade. Se os papeis están en regra, logo que pase o que pase, que nunca pasará nada.

Se un político quere prevaricar, o beneficio que consiga non vai figurar en ningún rexistro nin escritura pública, nin sequera nunha anotación bancaria. Os papeis sempre estarán correctos, só faltaría que alguén puxese nun papel o que non se debe poñer ou que deixase de poñer o que ostensiblemente está de manifesto.

Sabendo que estas declaración son como as que se fan á Facenda, poñendo o que a mesma Facenda indica que hai que declarar por así constar nos seus rexistros, aínda así, paréceme que a publicación destes datos é unha exposición ao público innecesaria, non sei se inconveniente, e totalmente inútil. Pero hai que cumprir coa letra da lei. Cumprir co espírito é unha cousa moi distinta, tema no que non hai por que entrar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo