Os futuros resultados de En Marea

Logo de que os resultados das eleccións do 26 de xuño arroxaran para En Marea a perda dun deputado, un senador e sesenta e seis mil sufraxios, plantexeime a posibilidade de analizar estes datos para tentar  saber cales foran os motivos e razóns de dita baixada.

Aínda que moitos observadores imputan esta recesión electoral ás desavinzas entra Beiras e Yolanda Díaz ou ao enfrontamento entre faccións de Podemos, pode que houbera outras circunstancias, quizais menos mediáticas, que puideron incidir de xeito moi importante nestes resultados.

Politólogos e columnistas así como os propios partidos andan a pescudar que foi o que pasou para que só seis meses despois dunha votación histórica para a coalición de nacionalistas e esquerda, se produza tal perda de apoios.

Quizais sexa difícil atopar unha explicación global ao sucedido, pero ao mellor si é posible albiscar algúns deses “fallos” e analizalos, polo menos parcialmente, para tirar conclusións de por que 66.000 electores trocan o sentido do seu sufraxio en tan corto período de tempo.

En primeiro lugar habería que facer unha reflexión sobre os tempos políticos nos que se producen as dúas votacións pois, aínda que semellantes e próximas no tempo, contiñan unha serie de singularidades que, teño por seguro, influíron de xeito importante nos resultados, dando como síntese que o valido nas eleccións de decembro, deixou de selo só seis meses despois. En principio e a simple vista, semella que pouco ou nada mudou nin política nin socialmente, pero nada máis lonxe da realidade, o medio ano transcorrido entre as dúas, permitiu ás/aos votantes coñecer mellor ás persoas que se presentaban e as súas propostas, así como o grao de información que os candidatas/os tiñan dos problemas da veciñanza e das circunscricións polas que se presentaban, ao que hai que engadir que tamén puideron comprobar a introdución e liderado social de ditos candidatos. Quizais nestas cuestións estea parte da explicación aos resultados acadados.

Vexamos, o 20 de decembro o ánimo político estaba , digamos, sobreexcitado despois de catro anos terribles de recortes, desafiuzamentos e paro; a xente agardaba as eleccións como auga de maio para pasarlle factura ao Partido Popular, despois do trato ao que foi sometida durante esa lexislatura polo goberno.

As acusacións eran moitas: corrupción, non ter cumprido o programa electoral, o rescate aos bancos antes que ás persoas, recortes en educación e sanidade, paro galopante, desmantelamento dos servizos sociais, etc, etc . Así as cousas, o urxente era sacar do goberno a un executivo que mentira, que arrasara coa clase media, e que tanta dor producira cos recortes; polo que calquera opción que fora en contra deles, e das elites por eles representadas, era visto con aprecio polos electores, furiosos contra das políticas implementadas polos populares; así que, o fin último do voto, e case único, era desaloxar do poder ao goberno e as súas políticas ao prezo que fora.

Esta especie de indignación colectiva fixo que moitos votantes non repararan nin en propostas nin en candidatos, moitos deles auténticos descoñecidos para os seus posibles votantes, porque o urxente, o perentorio, como dicía, era sacar a Raxoi da Moncloa e retirarlle o BOE.

Dende aquela catarse electoral, pasados xa seis meses, os ánimos calmaron un chisco ao que se lle engadiu que os electores tiveron tempo de coñecer aos candidatas/os e as súas propostas por mor dese maior sosego e tamén da exposición pública dos cargos electos. Agora xa non se trataba só dun “hai que botalos”, queríase saber cales eran as propostas e solucións que traían os novos e quen as ía poñer en marcha, e puido ser que ou non se soubo trasladar ou non eran as propostas que agardaba parte da cidadanía o que provocou esa desafección, dando como resultado que miles de votantes mudaran o sentido do seu sufraxio ou simplemente se abstiveran.

Se esta análise se dera por boa, sería de grande interese que os membros dos partidos que van ter a responsabilidade de escoller ás candidatas e candidatos para as vindeiras eleccións se tentaran a roupa antes de comezar, pois deles vai depender en boa medida que o electorado escolla a súa opción.

Gardo a sensación que o tempo de nutrir as listas electorais soamente con persoas do aparato tocou ao seu fin. A nova política demanda buscar referentes na sociedade, e sen dúbida incluír persoas de diferentes sectores sociais que sexan coñecidas e recoñecidas axudará a que esa nova política se vaia consolidando. Teranse ademais que buscar para eses postos perfiles varios de sectores moi diversos; en definitiva, candidatas e candidatos que poidan aportar un “plus” persoal a cada lista e non fialo todo á formación pola que se presentan, porque o que non pode suceder é que o candidata/o consiga cinco ou seis votos no seu concello.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com