Os mozos galegos e da diáspora que traballan no castro de Portomarín protagonizaron unha versión dramatizada das migracións

As 22 rapazas e rapaces residentes dentro e fóra de Galicia que comparten labores no campo de traballo de Portomarín, foron os protagonistas dunha versión dramatizada dos movementos migratorios, dentro das actividades que teñen previstas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’.

Concretamente, e a modo de agasallo aos milleiros de peregrinos que fan parada na vila, e aos habitantes da mesma, estes rapaces converteron en performance a historia do cambio de asentamento do propio Portomarín, os problemas que xurdiron co novo emprazamento, e a ligazón que existe cos pasados e actuais movementos migratorios.

 A presenza dos 19 galegos de fóra da Comunidade é posible grazas á segunda modalidade do programa ‘Conecta con Galicia’ da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Política Social, e a finalidade da iniciativa é que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega.

De 20 e 30 anos

Concretamente, as prazas dos campos de traballo destínanse a participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Os labores de traballo de campo para esa recuperación realízanos na posta en valor do castro de Portomarín. Mais polas tardes desenvolven un amplo abano de actividades visitando lugares emblemáticos de toda Galicia, como as termas da Chavasqueira en Ourense, o casco vello de Santiago, a vila tradicional de Combarro en Pontevedra, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras. Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a relación entre eles e coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas, actividades de animación, charlas formativas, etc.

 160 en xullo

Previamente, e durante dúas quendas no mes de xullo, outros 160 rapaces galegos residentes fóra de Galicia desenvolveron a primeira das modalidades do ‘Conecta con Galicia, distribuídos en dous grupos de idade: de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, compartiron con mozos e mozas residentes en Galicia residencias e albergues xuvenís Nestas instalacións realizaron dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes aloxáronse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participaron en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorreron o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvolveuse baixo o paraugas do epígrafe

Así, ‘Conecta con Galicia’ permite que, neste ano, 179 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase sempre conxuntamente con rapaces e rapazas residentes en Galicia.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com