A mostra reúne 500 retratos de artistas, teóricas, mecenas e xestoras e poderá visitarse ata o 30 de outubro
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle desde este mércores “500 mulleres na arte”, un proxecto da artista e investigadora Concha Mayordomo que busca recuperar a memoria das mulleres esquecidas pola historia da arte.
A exposición reúne 500 retratos a lapis de creadoras, teóricas, mecenas e xestoras de España, Portugal e países americanos de fala hispana e lusófona, desde o Medievo ata a actualidade. Cada debuxo incorpora un código QR que permite consultar a biografía da protagonista.
As obras distribúense polos centros da Rede Museística Provincial: 456 retratos no Pazo de San Marcos e varias seleccións temáticas no Museo Provincial de Lugo, San Paio de Narla, o Pazo de Tor e o Museo do Mar.
A autora destacou o carácter pedagóxico da iniciativa e a necesidade de corrixir o nesgo de xénero nos libros de texto e nos canons académicos.
A mostra, incluída na programación do 20º aniversario da Rede Museística Provincial, poderá visitarse ata o 30 de outubro e servirá tamén como recurso didáctico para centros educativos.






