Os obradoiros do Concello favorecen a inserción laboral de 31 desempregados

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, visitaron esta mañá os obradoiros de emprego que conseguiu o Concello financiados pola Administración autonómica, TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate, dúas iniciativas de formación teórico práctica que favorecen a inserción laboral de 31 desempregados lucenses no eido do patrimonio e o benestar social. Levan tres meses en marcha e rematarán a finais de marzo o Lugo Cóidate e a finais de xuño o TIC Arqueolóxico.

O Concello non elixiu de maneira casual as temáticas dos obradoiros, pois tanto as novas tecnoloxías aplicadas á posta en valor do patrimonio en xeral e da arqueoloxía en particular, como a atención sociosanitaria, “teñen nicho de emprego, son profesións con futuro”, e, ademais “encaixan cos obxectivos do Concello de aproveitar a riqueza arqueolóxica da nosa cidade para potenciar o Vello Cárcere e de garantir servizos sociais de calidade”, subliñou Prieto.

O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

En canto ao obradoiro Lugo Cóidate, conta cun orzamento de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrécese formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com