Os particulares poderán solicitar desde hoxe as axudas para renovar os electrodomésticos

As persoas interesadas en acollerse ás axudas da Vicepresidencia económica da Xunta para renovar os electrodomésticos dos seus fogares poden presentar as súas solicitudes desde hoxe. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro, salvo que antes se esgote o crédito deste programa, dotado con tres millóns de euros -un 70% máis que na convocatoria do 2020- coa previsión de chegar a 20.000 fogares galegos.

Durante unha visita a un establecemento comercial da cidade de Lugo adherido a esta iniciativa, Arias explicou que o programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que queiran cambiar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.

As achegas poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros.
Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.

As axudas foron convocadas en concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras, que poden seguir inscribíndose ata o 30 de xuño. A listaxe de establecementos adheridos por provincias e concellos pode consultarse na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no apartado Plan Renove Electrodomésticos 2021. Na provincia de Lugo hai inscritas case 80 ata o de agora. Esta nova convocatoria da Xunta prevé favorecer o aforro económico, a redución do consumo enerxético e a diminución das emisións contaminantes, ademais de contribuír a xerar emprego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com