Os socialistas amosan o seu respaldo e solidariedade coas vítimas da guerra de Ucraína

Os socialistas rexeitan a invasión de Ucraína e amosan o seu respaldo e solidariedade coas vítimas deste conflito bélico. Así o defenderá o Grupo Socialista na Deputación de Lugo, a través dunha moción, que será debatida no Pleno ordinario de mañá, 29 de marzo.

“Os e as socialistas lucenses amosamos o noso rexeitamento absoluto á invasión de Ucraína perpetrada polas tropas rusas dende o día 24 de febreiro. A agresión militar de Rusia sobre un Estado soberano, membro da ONU, supón unha violación do Dereito Internacional, incumpre os acordos de Minsk que fixaron as fronteiras entre Rusia e Ucraína no ano 2014, e supón unha vulneración da soberanía e a integridade territorial dun Estado soberano e democrático”, sinalan dende o PSdeG.

O conflito bélico desencadeado pola agresión rusa está a xerar un drama humano dunhas dimensións que Europa non coñecía dende o remate da Segunda Guerra Mundial. O Grupo Provincial Socialista é plenamente consciente da resposta popular dos e das lucenses ante este conflito: rexeitamento da guerra e desexo  de axudar a poboación civil.

“Ao longo da nosa historia, os e as socialistas avogamos sempre pola resolución pacífica de conflitos a través do diálogo, pero tamén pola necesidade de sancionar o incumprimento do Dereito Internacional”, subliña o PSdeG. Na iniciativa rexistrada, o PSdeG propón os seguintes acordos: Solicitar a fin das hostilidades e o retorno á vía da negociación e da diplomacia, reiterando a necesidade de cumprir cos Acordos de Minsk e co Dereito Internacional.

Tamén piden expresar a solidariedade coas vítimas deste conflito, dun xeito especial cos menores, as mulleres e os anciáns, dando todo o noso apoio ás organizacións que traballan pola defensa e protección dos dereitos humanos; así como, amosar o respaldo ó Goberno de España e da Unión Europea reivindicando a legalidade internacional e o restablecemento inmediato da paz, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos que  comparten con Europa.

Expresar o máis firme compromiso coa defensa dos principios de democracia, o Estado de Dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e no de constitución da Unión Europea, é outra das súas peticións, ademáis de apoiar á Unión Europea para que se interpoñan as sancións precisas co fin de que se poña fin ó conflito ante estes feitos tan graves que ameazan a paz e as liberdades e dereitos fundamentais dos e das cidadáns ucraínas.

Por último, reclaman á Xunta un plan de choque para paliar o impacto económico da guerra nas empresas e nas familias galegas e pídellen ao executivo autonómico que se comprometa a seguir empregando, na medida da súa capacidade orzamentaria, recursos propios para desenvolver medidas concretas de axuda destinadas a paliar a situación do pobo ucraíno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com