Os traballadores do 061 da Mariña denuncian agravios na calidade do servizo

Os técnicos en emerxencias sanitarias que prestan o servizo das ambulancias asistenciais do 061 na Mariña, denunciaron hoxe en Foz a perda de calidade que sufrirá o servizo de urxencias extrahospitalarias co novo contrato ofertado polo Servizo Galego de Saúde e a Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia-061, na publicación dos novos pregos de condicións para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre.

Nos devanditos pregos aparece reflectida a supresión dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias). Na actualidade a ambulancia medicalizada (AA-SVA- M), conta en cada quenda de garda con dúas TES, un Médico e un DUE do mesmo xeito que o resto de ambulancias medicalizadas do territorio galego. Tras o recorte a dotación humana só estará formada por un TES, un Médico e un DUE, situación que non se producirá no resto de ambulancias medicalizadas existentes.

A perdida dun Técnico, figura fundamental na asistencia ás emerxencias no territorio galego, comporta un empeoramento na calidade do servizo en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital. O equipo humano é fundamental para atender esa patoloxía ou situación e a presenza dos dous técnicos para poder localizar e chegar o punto da emerxencia é de gran importancia sobre todo nunha zona rural como é o ámbito de actuación deste recurso de soporte vital avanzado.

Tamén denuncian que os novos pregos van en contra de moitas das Instrucións Técnicas que establece a Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para o correcto funcionamento dos recursos asistenciais. Indicar por exemplo situacións de IMV (Incidente de Múltiples Victimas) onde están especificadas cales son as funcións dos DOUS técnicos que chegarían en primeiro lugar ao devandito incidente. Lembramos o accidente vivido no verán de 2014 na A-8 en Mondoñedo, este recurso con base en Foz foi o encargado da coordinación in situ do incidente. Cada membro desta dotación formada por catro persoas conta cunha función especificada polo 061 e tras a supresión dun TES non se poderá cumprir de forma correcta o protocolo de IMV que o 061 ten establecido en Galicia.

Suman a este exemplo multitude de situacións onde a presenza de ambos os técnicos “é indispensable”: actuación nas paradas cardíacas, mobilizacións e inmobilizacións de pacientes, pacientes axitados, etc. A maiores este servizo de SVA realiza traslados interhospitalarios e ante a posibilidade de encadear varios servizos os condutores non terán opción de descanso podendo sumar un número de horas de condución esaxerado, afectando á seguridade do paciente, da dotación e dos demais usuarios da vía pública. Na actualidade os dous TES conducen por quendas minimizando os efectos que produce unha condución dun servizo que pola súa natureza esixe moita concentración. Nos devanditos traslados xeralmente de pacientes graves e inestables poden xurdir complicacións nos cales a presenza dun TES na cabina asistencial é imprescindible.

A estas circunstancias súmaselle que a Mariña Lucense é unha zona cunha escasa dotación de AA- SVB (Ambulancias Soporte Vital Básico), sendo na actualidade 4 traballando as 24 horas do dia e repartidas nas poboacións de; Viveiro, Burela, Mondoñedo, Ribadeo e unha en Foz que desde o recorte de persoal en 2011 só traballa 12 horas en horario de 10 da mañá a 10 da noite.

Por todo isto os Técnicos mariñáns reclaman traballar en igualdade de condicións que nas demais ambulancias medicalizadas existentes en Galicia, e así evitar as diferenzas na atención que sufrirán os habitantes na Mariña Lucense e a creación de pacientes de primeira e segunda no territorio galego. Tamén rescatan unha reivindicación existente dende 2011, tras un recorte inxusto no horario da ambulancia de SVB con Base en Foz, este servizo segue cun horario recortado a 12 horas algo que consideramos inxustificado e que empeora os tempos de resposta na súa área de influencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo