Os tractores seguirán na Ronda ata que “teñamos algo en firme”

A pancarta coa que transmiten a súa mensaxe é clara e concisa, “non máis mentiras”. E é que os gandeiros de Agromuralla, atrincheirados na Ronda, séntense enganados pola administración. Odón Castro, un dos socios de Agromuralla, asegura que “non imos marchar ata que teñamos algo en firme, nada de acordos verbais”.

En declaracións a Xornal de Lugo, Odón Castro explicou que hoxe, no segundo día de protesta, seguiron chegando tractores de diferentes puntos da provincia, e aínda que recoñece que é complicado saber o número exacto, asegura que a cifra anda xa nos 600 vehículos ao redor do monumento.

Agromuralla reuniuse esta mañá en asemblea diante dos edificios administrativos da Xunta e a mediodía decenas de gandeiros continuaron coas súas visitas á distribución, neste caso ao Carrefour, para “facer presión, informar aos consumidores do que está ocorrendo e pedirlles que non colaboren con este roubo”, engade Odón, gandeiro de Láncara que asegura que hoxe en día estanlle pagando o litro de leite a 0,27 euros, mentres o custo medio de produción nunha explotación galega é de “0,34 euros”.

Un dos principais problemas que denuncia Agromuralla é o incumprimento dos acordos, tanto por parte da distribución como das administracións. “O prezo do leite subiu nos lineais de venda e nas áreas comerciais, un aumento que ía dirixido aos gandeiros, pero a día de hoxe seguimos sen notar ese incremento”, indica Castro. “Só unha marca en concreto, Mercadona, cumpriu coas súas promesa”, de forma que “temos que seguir loitando para que eses céntimos que nos corresponden cheguen a nós, e que nos expliquen onde quedaron eses cartos”.

En canto aos acordos e compromisos das administracións tras as mobilizacións de setembro, este socio de Agromuralla denuncia que “nos están dicindo que se atopan traballando pero hai xa catro meses e polo momento non hai medidas que nos estean axudando directamente”, engade. De feito, con esta segunda tractorada “tamén queremos denunciar que se nos está utilizando como moeda de cambio, xa que están dicindo que nos están dando axudas cando só unha parte dos gandeiros as recibe, pero hai xente que non conta con ningún apoio, o que nos deixa nunha situación penosa”.

En canto ás declaracións dalgúns dirixentes políticos que consideran que non é un bo momento para estas protestas, Odón asegura que “non damos valor ás críticas, nin nos van nin nos veñen, somos apolíticos e só estamos defendendo o noso medio de vida”.

Nove demandas

A imaxe de centos de tractores rodeando a muralla non era, ata o de agora, moi habitual. Por iso estes días moitos lucenses sacan os móviles para tomar fotografías ou incluso posar entre a maquinaria. Así, os tractores convértense tamén nunha boa canle para transmitir mensaxes, contando todos eles con carteis nos que se fan 9 demandas.

Entre elas, reclaman unha reunión a tres bandas entre gandeiros, industria e distribución, un novo contrato lácteo, que o brick de leite inclúa información sobre a orixe do produto nun lugar visible ou que a comisión de seguimento que vela polo cumprimento do acordo asinado en Madrid sexa transparente e operativa.

Apoios

A Deputación quixo transmitir hoxe unha mensaxe de “absoluto apoio” aos gandeiros, tal e como explicou a deputada provincial Pilar García Porto. “Os gandeiros non saen á rúa porque queren, senón porque as administracións lles mentiron”, engadiu a deputada socialista.

Pola súa banda a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou hoxe de que está facendo un seguemento  da concentración para “tomar día a día todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos peóns e os conductores, e a fluidez da circulación, sobre todo nas horas punta”. A rexedora, que transmitira onte o seu apoio aos gandeiros, manifestara tamén que a tractorada “é un inconvinte para o comercio”.

En canto á delegada da Xunta, Raquel Arias, lamentara que “as manifestacións en campaña inciden directamente” aínda que tamén asegurou que o Goberno galego “aposta por un sector lácteo forte e unido para poder negociar en pé de igualdade coa industria e a distribución”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com