Os vándalos destrozan varios paneis dunha mostra sobre o dereito dos galegos a ter unha selección nacional propia

A exposición Galiza, un pobo, unha selección instalada na Praza de San Marcos amenceu con varios paneis cortados. Máis da metade das lonas de mostra, que se inaugurou este luns, apareceron con diferentes cortes.

O deputado de Deportes condenou “uns actos inxustificables” que, apuntou, “amosan o que traen os discursos de odio, que non toleran o diferente e responden con violencia a calquera actividade ou opinión distinta á súa”

O responsábel provincial indicou que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo “puxemos a situación en mans dos Servizos Xurídicos da Deputación de Lugo para que tramiten a denuncia ante as autoridades e se busque as persoas autoras”.

A mostra, organizada pola plataforma Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país en competicións internacionais e na traxectoria das seleccións galegas.

Os paneis cortados reporanse nos vindeiros días. A mostra permanecerá na Praza de San Marcos ata o 14 de febreiro, e iniciará logo unha itinerancia por Sarria, Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Foz, Ribadeo, Barreiros e Valadouro.

Ataques reiterados

Pola súa banda, a Plataforma Vía Galega denuncia os reiterados ataques á difusión das actividades que desenvolve a favor dos dereitos sociais e nacionais de Galicia, logo de que aparecesen danados estes 11 paneis. Isto súmase, explican, á desaparición dunha faixa para difundir esta mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e ás mensaxes fascistas sobre os cartaces de Vía Galega en diversas vilas e cidades nos últimos meses.

Estes danos provocados, cun xeito de actuación e intencionalidade semellantes, “son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsábeis políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma que integra máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país”, denuncia o colectivo.

Para Vía Galega, estes estragos producidos son consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais contra unha campaña como a de Galiza, un pobo, unha selección que reivindica o dereito a competir a nivel oficial como galegos e galegas en todas as disciplinas deportivas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com