Os órganos xudiciais galegos con competencias en violencia sobre a muller rexistraron durante o pasado ano un total de 8.100 denuncias, o que supón unha media de 22 ao día e un incremento do 6,6 % respecto ao ano anterior. Pola contra, o número de mulleres vítimas descendeu un 3,2 %, situándose en 7.017 fronte ás 7.248 contabilizadas previamente. Do total de vítimas, o 5,79 % acolleuse á dispensa do deber de declarar, unha porcentaxe inferior á de 2024.
A taxa de violencia de xénero en Galicia foi de 49,8 mulleres vítimas por cada 10.000, a segunda máis baixa do conxunto do Estado, onde a media se sitúa en 74. Estes datos foron elaborados pola Sección de Estatística para o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.
En canto aos menores identificados como vítimas nas denuncias, a cifra reduciuse significativamente ata os nove casos, fronte aos 66 do ano anterior. A maior parte das denuncias, o 82 %, foron presentadas polas propias vítimas, mentres que as procedentes do ámbito familiar representaron o 1,7 %. As denuncias derivadas de atestados policiais supuxeron o 12 %, e outras vías como partes de lesións ou terceiros tiveron menor peso.
No ámbito das medidas de protección, os xulgados galegos concederon 1.216 ordes e medidas de seguridade, un 2,8 % máis que no ano anterior, sobre un total de 1.798 solicitudes. Ademais, os xulgados en funcións de garda adoptaron 287 medidas adicionais.
No relativo ás medidas xudiciais, ditáronse 538 de carácter civil, entre as que destacan as relacionadas coa prestación de alimentos, a atribución da vivenda e a suspensión do réxime de visitas ou da garda e custodia. No ámbito penal, impuxéronse 2.439 medidas, principalmente prohibicións de comunicación e ordes de afastamento.
En canto ás resolucións xudiciais, o 91,9 % das sentenzas emitidas polos xulgados de violencia sobre a muller foron condenatorias. Esta porcentaxe foi do 76,5 % nos xulgados do penal e do 93,1 % nas audiencias provinciais. Ademais, os xulgados de menores xulgaron a 15 persoas por delitos relacionados con esta materia.
Por outra banda, a partir do 3 de outubro de 2025, os órganos xudiciais galegos asumiron tamén competencias en materia de violencia sexual fóra do ámbito da parella. Entre esa data e finais de ano rexistráronse 131 denuncias e 130 vítimas, así como 138 delitos, principalmente






