Para as que sodes case invisibles ou invisibilizadas. Neste 8M, como cada día, con vós, para vós

Non queremos, un ano mais, neste 8M, desde Si, hai saída, como sempre o facemos, deixar de ter unha lembranza para todas vos, mulleres que sodes, para moitos, invisibles, ou tamén, por qué non dicilo, invisibilizadas.

Para todas aquelas que sodes instadas a unirvos a folga, sen ter en conta que unha gran maioría de vos, se o facedes, non teredes ao día seguinte o voso posto de traballo, a vosa cadeira, agardando por vos despois de exercer ese dereito, que, certo, tedes, e tal vez vos gustaría berrar aos catro ventos, alto e claro, porque se algo vos sobra son motivos para facelo, pero é un luxo que non vos podedes permitir, porque correr o risco de perder eses poucos euros que con tanto esforzo conseguides levar as vosas casas para, a duras penas, sobrevivir vos e os vosos fillos, gañados en traballos precarios, sen garantías, sen contratos, e algo impensable, non é unha opción….e ainda vos falan de dereitos!

Para as que chegades as vosas casas cada día co corazón nun puño temendo premer o interruptor da luz e que a escuridade non marche porque o temido corte por non poder facer fronte as facturas que se amontoan chegou, que vos afanades en tapar aos vosos fillos con mantas para tentar paliar un pouco ese frío que tamén a vos vos cala ata os osos porque manter a vosa casa quente, sen poñer en xogo a vosa saúde, a dos vosos, é un sono que nin de lonxe vos podedes permitir.

Para as que, por mor da pandemia vos vístedes privadas dese traballo tal vez indigno, precario, en malas condicións, pero que era o voso único sustento, abocándovos a miseria mais absoluta, a exclusión. Para as que non podedes nin soñar optar a algunha das axudas que vos contan que existen, porque a vosa situación laboral irregular fai que, a efectos legais, non existades, e que, ademais, non dispoñedes dos recursos e tal vez tampouco dos coñecementos imprescindibles para facelo como a situación sanitaria nos esixe, telemáticamente, sen que ninguén semelle telo en conta, atopándovos, ademais, presas nun cárcere burocrático do que non podedes escapar, sen que se vos brinde axuda ou ferramenta algunha para facelo.

Por negar, mesmo vos negan, para realizar as poucas xestiós presenciais permitidas, un horario que se adapte as vosas necesidades, porque a burocracia, o sistema funcionarial, non entende, nin quere entender, por mais que se lles recorde, que a vida non funciona para todas en horario de oficina, nin de Luns a Venres.

Para as que vos deixades a pel cada día coidando maiores, dependentes, esgotando non soamente as vosas forzas, se non mesmo as vosas ganas de vivir, porque vos falta o aire.

E, de xeito moi especial, neste ano tan duro, para as vitimas de violencia de xénero, mais desprotexidas e esquecidas que nunca cando mais o precisades, pero que leredes e escoitaredes como a vosa desgraza vai ser utilizada e coreada en mais dunha consigna nesta data en moitos casos, en demasiados, por quen vos ignorou e o volverán a facer ao día seguinte do día D , porque, a qué negalo, a vosa causa vende.

Para as sanitarias, esgotadas física e emocionalmente, que non soamente non vos sentides representadas en certos actos, se non que temedes que levalos a cabo poida significar conducirvos ao límite definitivo. Poderíamos seguir e seguir, porque a lista e longa, moi longa, e ainda así correríamos o risco, de, involuntariamente, omitir a algunha de vos, pero tede por seguro que, malia que non vos mencionemos aquí, estamos con vos, estaremos con vos, como o vimos facendo desde hai sete anos, case sempre en silencio e seguramente non vos falaremos tanto, como se fai noutros eidos, de feminismo, de sororidade. Nos, preferimos, sinxelamente, tentar exercelos, cada día, do mellor xeito posible.


Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com