" />

Pedrafita e As Nogais aspiran a entrar na Reserva da Biosfera dos Ancares

O órgano reitor da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá acordou este luns nunha reunión celebrada en San Román de Cervantes estudar a ampliación da zona protexida a As Nogais e Pedrafita. Ambos concellos manifestaron o seu interese en integrarse na Reserva da Biosfera e teñen unha porcentaxe elevada do seu territorio incluída na Rede Natura 2000, As Nogais case do 40% e Pedrafita máis do 98%. De saír adiante, a ampliación favorecería a conexión coas Reservas de Terras do Miño e Río Eo- Oscos e Terras de Burón, e tamén coa futura da Ribeira Sacra e o Xeoparque das Montañas do Courel.

No encontro, no que participaron a voceira socialista do Goberno provincial e os deputados de Medio Ambiente e Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, José Luis Raposo e Ana González Abelleira, acordouse a integración de tres novos membros no órgano de participación da Reserva, entre eles a Asociación SER, presidida polo cineasta galego Oliver Laxe, un colectivo que ten como obxectivo defender o patrimonio material e inmaterial de Navia de Suarna e a súa contorna. A Sociedade Cooperativa A Carqueixa e a Asociación Cultural Val dos Corzos son as outras dúas entidades que pasan a formar parte da representación social da Reserva.

Na orde do día tratáronse ademais diversas iniciativas para a vindeira anualidade co fin de aproveitar todas as oportunidades que ofrece esta Reserva. Entre os puntos a tratar encontrábase a programación de actividades na Reserva da Biosfera; a solicitude de incorporación da Reserva da Biosfera ao Consello Provincial de Turismo; e a presentación do estudo sobre a potencialidade da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses para mellorar a prevención de lumes a través da revalorización dos piñeirais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo