Plan de tráfico polo amaño do colector na Ronda das Fontiñas e Carril dos Indios

A Concellería de Infraestruturas Urbanas elaborou un plan de tráfico específico con motivo das obras de reparación do colector situadas na intersección da Ronda das Fontiñas co Carril dos Indios, unha actuación encadrada no servizo municipal de mantemento da rede de abastecemento e saneamento.

Os traballos comezarán o luns 23 de marzo e contan cun prazo de execución estimado de dez días. A intervención desenvolverase en dúas fases, o que implicará diferentes afeccións á circulación rodada na zona.

Durante todo o período das obras, restrinxirase o tráfico nos carrís da Ronda das Fontiñas en dirección á rúa San Eufrasio na área da intersección. Non obstante, manterase o acceso aos garaxes das vivendas afectadas. Tamén se verá limitado o estacionamento no tramo comprendido entre os números 62 e 96 desta vía.

Na primeira fase habilitarase un sistema de dobre sentido de circulación nun tramo concreto mediante a adaptación dos carrís e a correspondente sinalización. Na segunda fase, debido á maior ocupación da calzada, o tráfico será desviado por itinerarios alternativos a través do Carril do Xuízo, a rúa Ramón Montenegro, a rúa Primavera e o Carril das Flores. O paso de autobuses urbanos estará garantido en todo momento coa presenza de persoal sinalista.

O Concello instalará sinalización circunstancial nas vías afectadas e nas súas contornas, incluíndo limitacións de velocidade, advertencias por obras e indicacións de desvíos. Así mesmo, garantirase o tránsito peonil mediante itinerarios alternativos accesibles, con especial atención ás persoas con mobilidade reducida.

No caso de afeccións puntuais aos accesos a garaxes, a veciñanza será informada cun mínimo de 48 horas de antelación. A Policía Local será avisada previamente do inicio das actuacións e encargarase da coordinación do tráfico, así como da comunicación cos servizos de emerxencia e transporte público.

Este plan ten como obxectivo compatibilizar a execución das obras coa redución das molestias á cidadanía e a garantía da seguridade viaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com